Investigadores, xornalistas e políticos despexarán o venres 27 en Compostela as incógnitas sobre o uso de drons en España e Galicia no marco da II Guerra Fría

O intento do PP de agochar contratos, fondos económicos e certificacións de seguridade da base de drons de Rozas, en Galicia, segue a folla de ruta dunha estratexia máis de ampliación das áreas de influencia das potencias occidentais na senda da intensificación da política intervencionista dos países integrados na OTAN. A charla “Galicia e os drons no marco da II Guerra Fría”, que terá lugar na Facultade de Filosofía este vindeiro venres 27 de maio ás 20horas, dará a coñecer que Galicia non escapa a este convulso escenario.

Dentro dun marco de relacións internacionais caracterizado polo incremento dos conflitos bélicos dirixidos a garantir o mantemento da hexemonía do sistema capitalista, asistimos hoxe a un complexo panorama que Javier Couso, Eurodeputado de Izquierda Unida; Ramón Vázquez Díaz, deputado de Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento de Galicia; Roberto Montoya, xornalista especializado en conflitos internacionais e Laura Pérez Rastrilla, investigadora especialista en Propaganda de Guerra, abordarán co fin de despexar as incógnitas deste escenario.

Os casos de Iraq, Ucraína, Libia e Siria non son mais que unha mostra do interese por desestabilizar e intervir en amplas áreas do planeta, para manter activos os motores das economías do chamado primeiro mundo. Ao mesmo tempo, amparada baixo o paraugas do medo e o terrorismo, a OTAN asume funcións de control fronteirizo devorando millóns de euros en recursos de vixilancia e control, mentres se negan as necesidades mais básicas aos que foxen da guerra.

No que a Galicia se refire, o Ministerio de Defensa o Goberno Galego estableceu  unha base de Drons no aeródromo de Rozas na Provincia de Lugo. Nestas instalacións desenvolveuse o Proxecto Atlante, mediante o que a defensa Española puxo en funcionamento o primeiro dron de fabricación española na actualidade en proceso de artillaxe.

A unidade de Elite Grosa, dependente do rexemento de Intelixencia Número 1 do Exército, realizou en Rozas os exercicios preparatorios previos ás manobras Trident Juncture realizadas en Zaragoza no mes de novembro de 2015. Dous meses despois e a escasos 20 quilómetros do aeródromo de Rozas, leváronse a cabo as manobras das Forzas Conxuntas de moi alta dispoñibilidade da OTAN nas que participaron efectivos de España, Bélxica, Reino Unido, Portugal, Albania e Polonia. Estas manobras forman parte da estratexia da OTAN para preparar unha “punta de lanza” capaz de despregarse en breve prazo de tempo en calquera conflito.

Diante destes acontecementos e dos desafíos que se nos presentan, resulta fundamental abrir un espazo de debate e intercambio de información no que a cidadanía poida participar en influír en cuestións que afectan directamente á súa seguridade e á integridade doutros pobos, azoutados por cruentas guerras e continuas violacións dos dereitos fundamentais.

Díptico drones

dronsGalicia

Relacionados