Lei de familia

 

Dende o Consello Económico e Social, que a tacha de regresiva ate as diferentes entidades de mulleres, a norma aprobada onte en solitario polo PP non ten máis valedor que a intolerancia ultra do Goberno Feijóo.

 

 

Yolanda Díaz caracterizou como “ norma regresiva, ultra e que implica recortes nos dereitos das mulleres “ o texto legal aprobado onte. Salienta a Voceira de EU no concello de Ferrol, que a nosa organización declárase en rebeldía coa lectura estreita da familia que formula o PP, cando hoxe se está a producir unha saudable explosión das diferenzas neste eido, e son variadas  os diversos núcleos de convivencia que se dan no seo da sociedade galega.

 

Moción presentada:

 

Atópase en fase de tramitación parlamentar a coñecida como lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia, texto legal que  está a concitar un rexeitamento case unánime do movemento de mulleres e feminista do noso país.

 

 A pretensión do Partido Popular é soster outra guerra cultural en relación cos dereitos das mulleres e para iso leva a aprobación parlamentar   unha lei que o propio Consello Económico e Social non dubida en cualificar como regresiva, nun pronunciamento cuxa dureza non é doado atopar neste organismo.

 

O texto obxecto desta moción implica graves recortes nos dereitos das mulleres e supón asemade unha profunda regresión no plano ideolóxico, cando recupera unha retórica a prol da familia heterosexual e da maternidade como rol social vital das mulleres, o que é tanto como ditar a súa vida sexual.

 

Proxecto de lei que lonxe de achegar accións de apoio certo á convivencia, formula a recuperación do rol tradicional das mulleres para deste xeito aforrar recursos orzamentarios en materia de aplicación da lexislación sobre dependencia, así como nas escolas infantís, actividades extraescolares e comedores.

 

Proxecto de lei que aposta por unha tutela patriarcal  que se agocha na terminoloxía da protección e abandona a linguaxe alternativa que considera o empoderamento e os dereitos das mulleres  como as ferramentas de cambio social e igualdade, que constitúen os vieiros necesarios da nosa emancipación.

 

Esquerda Unida está a participar  nas diferentes iniciativas e mobilizacións que na nosa sociedade se están a artellar para enfrontar e derrotar unha proposta integrista, a do PP  no goberno da Xunta de Galicia,  que renuncia a ler e construír a sociedade galega como sociedade de iguais: que non achega medidas que fornezan os servizos públicos en ensino ou dependencia;  que descoida os dereitos en materia de saúde sexual e reprodutiva, a planificación familiar  e o exercicio do dereito á interrupción voluntaria do embarazo segundo os supostao que hoxendía son legais; que acepta a tiranía dun mercado do traballo que sobreexplota ás mulleres, con taxas de desemprego e precariedade superiores ou con salarios inferiores aos dos homes a igual traballo, etc.

 

Xa que logo, o Grupo Municipal de EU formula a seguinte proposta de acordos ao Pleno do Concello de Ferrol:

 

1ª.- O Pleno do concello de Ferrol insta ao Parlamento Galego a rexeitar o proxecto de lei denominada  lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

 

Relacionados