alfredo.jpg - 1.15 Kb

Libia, a guerra e a democracia

Sen entrar a analizar a sucesión de feitos que levaron a ese escenario, cómpre reparar nun par de cuestións que explicarían o feito de que Libia sexa o único país -de todos os que no mundo árabe están en rebelión-, en que a rebelión derivou en guerra civil. Cómpre, xa que logo, preguntarse por que a rebelión popular en Libia non culminou co derrocamento do ditador e a instauración dun goberno de transición encabezado por un membro do goberno dese mesmo ditador? Quizais, a resposta haxa que buscala na forma de exercer o poder na Jamahiriya, na que os Comités Populares, que se ben na teoría eran as asembleas nas que o pobo organizado exercía o seu poder, na práctica eran o mecanismo polo que Gadafi garantía o exercicio do culto á personalidade no que derivou o goberno popular da Jamahiriya; neste sentido, precisamente como consecuencia do goberno tan personalista que caracterizou o réxime de Gadafi, no momento da rebelión só hai dúas posibilidades reais: a adhesión inquebrantable ou a deserción e a confrontación directa. Ora ben, se esa pode ser a razón de que o conflito derivase en guerra civil, hai unha cuestión que non debemos pasar por alto: o avanzado grao de organización do poder que demostrou o pobo en rebeldía, que axiña formou un Consello Nacional Transitorio que no exercicio do seu poder xa constituíu un Banco Central e unha compañía nacional do petróleo -en consonancia co emprego dunha bandeira diferente á da Jamahiriya-. Daquela, estamos ante un conflito no que se enfrontan dúas expresións diferentes da vontade popular, da democracia. Velaí a razón pola que sinalaba hai unhas semanas que a intervención militar estranxeira usurparíalle ao pobo libio o seu dereito á autodeterminación, á democracia, a decidir o futuro por si mesmo.

 

 

Ora ben, que explica, se o goberno popular libio rematou por servir aos intereses das grandes compañías transnacionais, como proba o feito de que nos últimos anos -baixo a compracente mirada do FMI- o petróleo libio pasara a mans da francesa Total, a italiana ENI, a China National Petroleum Corp, a British Petroleum, a española REPSOL e as norteamericanas ExxonMobil, Chevron, Occidental Petroleum, Hess e Conoco Philips, o interese da alianza imperial por intervir militarmente en Libia aparentando neutralidade? O lóxico, dado o grao de submisión aos intereses das potencias agora interviñentes do goberno de Gadafi nos últimos anos, sería ter apoiado ao revolucionario que repudiaran cando nacionalizara o petróleo, pero que co paso do tempo se convertera nun tirano tan obediente aos seus intereses que só hai unhas semanas provocara que o FMI celebrase “os grandes resultados macroeconómicos de Libia e os seus progresos no fortalecemento do papel do sector privado”. Só se me ocorre unha resposta: asegurarse o control do petróleo gañe quen gañe a guerra civil..

Relacionados