Lugo. EU-V excluida do debate

 

Como ven sendo habitual nos debates electorais que organiza a “independente” Unión de Asociacións Veciñais e Culturais de Lugo nas diferentes citas coas urnas, Esquerda Unida foi excluída de participar. Cada vez lles resulta máis complexo explicar a exclusión de EU, pese a que neste caso o presentador sinalou na presentación do debate que estaban presentes os partidos con representación parlamentaria.

Non contentos con excluir a EU, o moderador e presidente da UNAVE, un “independente” habitual das listas do BNG, logo de sinalar que sería un acto de democracia pura no que os presentes poderían formular preguntas utilizou un dos trucos máis baixos nos que pode caer un manipulador. Sabendo que o primeiro en pedir a palabra era o candidato de EU ao Congreso sentado na parte traseira do salón de actos, decidiu conceder a palabra partindo da primeira fila ata o fondo. Preguntas xa previstas de “hooligans” aos seus candidatos, peroratas de candidatos non oficiais con afán de protagonismo e outras preguntas formais e serias alargaron o acto máis de dúas horas; algúns pedían a palabra conforme escoitaban as dos demais.

Pero aínda restaba por chegar a guinda. No momento no que lle tocaba o turno a Ramón Vázquez o moderador anunciou que había que acortar a duración do acto e o micrófono voltou en dirección contraria cara as persoas de adiante para novas preguntas. Ante as protestas de Ramón e algún asistente máis, finalmente logrou falar. O candidato presentouse e de forma moi correcta e amosou o seu malestar pola exclusión da terceira forza do país e ademais con representación parlamentaria, e formulou a seguinte pregunta: ¿Cales son as propostas concretas dos tres partidos para loitar contra a corrupción e para o control dos cargos públicos?. As respostas se moveron entre a indefinición, a retórica (a representante do PSOE dixo que “transparencia e democracia”) e o esoterismo, porque só lles restou dicir que a corrupción era froito da confluencia de Xúpiter con Saturno.

Polo tanto, exclusión deliberada de EU, intento igualmente de exclusión no turno de palabra e comportamento que clarifica o talante dos que din representar aos veciños e veciñas de Lugo, dos que reclaman democracia para eles (ou pastel) marxinando a unha forza que hai cinco meses se erixiu en portavoz de 1.648 lucenses nas urnas. ¿Por que se teme a EU?¿Por que tanto encaixe de boliños para impedir que participe en debates cos tres partidos inmersos na corrupción na nosa cidade?

Pero non foi un caso aillado. Aos integrantes da Asociación na Defensa do Parque Rosalía denegóuselles a palabra pese a ser dos primeiros en solicitala. Polo demais, un debate insulso, sen contido, con candidatos que descoñecen o seu propio programa (dous deles deputados) que demostran claramente porque Lugo segue no tren de cola deste continente chamado Europa. A política en Lugo é precisamente como o tren do que tanto falan: discuten sobre o “AVE” e temos unha liña deseñada no século XIX, sen electrificar e sen doble vía. Políticos e ferrocarril son un tren de Famobil.

Vivimos momentos difíciles, con negros nubarróns no horizonte social, económico e político. O tripartidismo segue gozando do seu mediocre espectáculo onde cada un representa o seu papel para deixar todo como estaba. Pero a Historia dá leccións inolvidables, especialmente en periodos complexos onde os tempos cambian con rapidez. Nós ao noso, en positivo, con propostas e alternativas, pensando e actuando. Aló eles, xa nos deron por mortos demasiadas veces.

Relacionados