Manifestación día letras galegas

 

Esquerda Unida – Os Verdes fai un chamamento á cidadanía  para participar na manifestación en defensa da nosa lingua que partirá da compostelá Praza da Alameda ás 12:00 h. do vindeiro día 17 de Maio, festividade do Día das Letras Galegas.

 

Festividade tinguida dunha esixencia reivindicativa, diante da sistemática de ataques dende un poder público en mas do PP que sostén unha práctica alleeira no seu mal quefacer cotián; reivindicación que entende o galego como a expresión compartida dunha arela de igualdade e cultura dun pobo que se quer con dereitos de cidadanía.

 

A Mobilización acompañase dun ronsel de actividades en defensa da nosa lingua e cultura ao longo das vilas e cidades do país e nas que de xeito humilde a nosa formación política organiza e participa. As mulleres e homes de Esquerda Unida van participar nesta mobilización encabezadas por Yolanda Díaz, Coordinadora Nacional, e o resto da Executiva, nunha cita importante e na que cómpre subliñar o valor da unidade para reclamar para o galego as mesmas oportunidades que para o castelán.

 

A Coordinadora Nacional de EU, Yolanda Díaz, sinalou que “temos a razón da nosa parte para demandar dos poderes públicos que fagan efectivos os nosos dereitos a vivir nun país onde se poida empregar o galego en todos os eidos da vida social”.

 

Esquerda Unida  asume as verbas de Fernández Paz cando lembra os versos brechtianos no manifesto que se vai ler  en Compostela. Así, a executiva nacional de Esquerda Unida considera que somos un pobo disposto a soster mil batallas máis na defensa da nosa lingua e cultura, patrimonio de todas e todos os galegos, de todas as persoas que viven e traballan na nosa terra.

 

Son hoxendía abondo os eidos da vida social, dende o comunicacional ate a xustiza, pasando pola erosión da presenza e uso do galego no ensino, nos cales cómpre artellar unha planificación e uns recursos que a fagan efectiva para superar as eivas, prexuízos, ignorancias e mesmo hostilidades que rodean unha lingua sen a que non se explica a nosa condición como pobo e as nosas achegas ao acervo común da humanidade.

 

EU ten confianza na determinación da cidadanía galega de facer valer o que son os nosos dereitos culturais individuais e colectivos e que nese vieiro difícil de loita imos ser cada vez máis os que abriguemos co noso quefacer os “pombeiros de esperanza.

Relacionados