Manifesto día internacional SIDA

 

 

Na Galiza temos unha taxa de incidencia en de 74/millón ao ano, e que as cifras oficiais non recollen a prevalencia real xa que moitos aínda non están diagnosticados. Hoxendía a maior incidencia dáse entre os heterosexuais e, xa que logo, hai que fornecer e mellorar as políticas de prevención, información e educación para desfacer a falsa imaxe de falla de risco, e traballar nas novas realidades sociais que poidan afectar a extensión da pandemia.

 

Esquerda Unida considera necesario pór unha énfase semellante no eido social. As persoas seropositivas teñen que escapar a estigmatización e rexeitamento derivados da asociación da enfermidade con diversos colectivos. Temos que desenvolver unha ampla pedagoxía social para facer visible que todas e todos compartimos a posibilidade de padecer a doenza e que, xa que logo, corresponde aos poderes públicos avanzar nas políticas de prevención e de sensibilización social para gañar en respecto e tolerancia na nosa sociedade. En particular, queremos salientar que hai que pór recursos e plans específicos para os inmigrantes e refuxiados que chegan ao noso país, a causa da devastación social das políticas da globalización capitalista no Sur. Asemade cómpre desenvolver un esforzo educativo entre a nosa mocidade para que coñeza da realidade desta doenza e poida acceder de maneira gratuíta e fácil aos preservativos, ferramenta decisiva para evitala.

 

A prevención e a pedagoxía social require da axeitada dotación de medios humanos e materiais e do máis firme e decidido apoio ao movemento asociativo que traballa no eido desta doenza. Esquerda Unida fará do combate contra o VIH/SIDA unha das prioridades das súas políticas de saúde pública para gañar vida e esperanza e facer retroceder á pandemia.

 

Esquerda Unida quere salientar nesta xornada de loita, de reivindicación e concienciación, que resulta inaceptable e indigno que non se acade un acceso universal nos países empobrecidos do Sur aos tratamentos antirretrovirais, que teñen acreditada a súa eficacia para aumentar a esperanza de vida e a calidade desta nos pacientes. Non cabe permitir que se especule coa vida das persoas en troques de mellorar a conta de resultados das multinacionais farmacéuticas. Nos países da xeografía da pobreza e en particular na África subsahariana a prevalencia da pandemia ameaza producir un desastre humanitario e social, anunciando o estarrecedor panorama de que en dúas xeracións se perderá a poboación entre 18-45 anos, dada a falla de tratamentos accesibles a toda a poboación.

 

Esquerda Unida reclama a comunidade internacional que acade un compromiso efectivo que garante o acceso universal aos tratamentos antirretrovirais a través dunha verdadeira política de cooperación para o desenvolvemento e a distribución xeneralizada de medicamentos xenéricos.

Relacionados