Manifesto pola Lingua Galega

Os últimos datos divulgados polo Instituto Galego de Estatística sobre Coñecemento e o uso do galego, referidos ao ano 2013, poñen de manifesto o proceso de desgaleguización da nosa sociedade. A situación que reflicten eses datos falan dunha Galicia que está convertendo a súa lingua propia nun obxecto etnográfico: “é coñecida, é querida e apreciada, pero non se usa”.

Esquerda Unida fai súas as demandas da Mesa Pola Normalización Lingüística de Galicia e, entre outras medidas, adquirimos o compromiso de establecer que nos pregos de condicións dos concursos se inclúa de oficio a cláusula de que “as ofertas e estudos técnicos que se acompañen deberán, polo menos, estar redactados en galego”. Tamén pedimos que todos os departamentos e organismos dependentes das deputacións e concellos teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita, así como a súa utilización de todos os cargos electos no exercicio das súas funcións. Neste ámbito, facer que os actos xurídicos documentados e as relacións xurídicas e notariais da Administración local, que se refiran a actividades de ámbito galego, se redacten normalmente en lingua galega é outra das demandas que solicitamos.

Neste senso, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, aprecia que “é necesario establecer normas xerais e uniformes sobre a capacidade lingüística esixible nos procesos de acceso á función pública e no desempeño desta función”. Tamén ve preciso “impulsar a creación dun Servizo Municipal de Normalización Lingüística que desenvolva accións de promoción da lingua galega co obxectivo de frear a desgaleguización da nosa sociedade”, sinala.

Os concellos nos que esteamos presentes deben aproveitar todo o potencial normativo para desenvolver accións positivas en favor da lingua galega para adquirir máis e mellores espazos de uso e que permitan vivir plenamente en galego no municipio, sen atrancos administrativos nin sociais.

É por iso que queremos que por en marcha políticas para garantir que as escolas infantís municipais ofrezan, cando menos, o 50% de presenza do galego en toda a súa actividade. Ademais, apostamos por establecer que todos os traballos topográficos e cartográficos que realicen as administracións recollan a microtoponimia consonte o sistema deseñado pola Comisión de Toponimia. Dito material toponímico será remitido ao SITGA, para a súa organización e posta á disposición da sociedade na rede.

Propoñer normas xerais e uniformes sobre a capacidade lingüística esixible nos procesos de acceso á función pública e no desempeño desta función, establecer que as respostas telefónicas das administracións locais deberan ser, en principio, en galego (Oferta Positiva) ou programar un novo proceso de formación lingüística do persoal funcionario son outras das propostas necesarias para frear a desgaleguización da nosa sociedade e apostar, máis que nunca, pola nosa lingua.

 

Relacionados