Melloras nos colexios de Mugardos

Unha das iniciativas esixe o inicio urxente das obras de ampliación do CEIP Unión Mugardesa para integrar ao alumnado de infantil. Na segunda das iniciativas instase á Xunta á levar a cabo o acondicionamento das dependencias que servían de vivenda ao bedel no CEIP Santiago Apóstol para permitir o seu uso educativo.

Alternativa Galega de Esquerda presentou unha Proposición non de lei en comisión na que se insta ao goberno galego a realizar as xestións necesarias para iniciar de xeito urxente as obras de ampliación `para que o CEIP Unión Mugardesa poda acoller ao alumnado de Educación infantil procedente do edificio situado a máis de 600 metros deste e proceder así a integración dos dous centros nun so centro de ensino.

Os deputados, Ramón Vázquez e Xabier Ron, presentaron esta mañá unha iniciativa do seu grupo parlamentar na que se pedía a integración do alumnado de infantil e primaria deste centro escolar actualmente separados por unha distancia de 600 metros. O edificio de infantil ocupado por 50 nenos e nenas, ten unha serie de deficiencias que fan que na actualidade non reúna os requisitos educativos e mesmo arquitectónicos esixibles para un centro educativo como é que carece de patio cuberto, ten un complicado acceso para transporte escolar, ausencia de espazos para reunión cos país, non ten sala de usos múltiples, nin biblioteca, nin ximnasio, nin comedor para o que o alumnado ten que ser desprazado en transporte escolar ao centro de Primaria…

A comunidade educativa dende hai anos a integración destes dous centros. De feito o propio Concello de Mugardos aprobou por unanimidade unha moción para a integración dos centros e a correspondente ampliación do CEIP Unión Mugardesa. Así mesmo o goberno local ten manifestado a súa disposición a ceder dúas parcelas que lindan co patio do centro sempre e cando sexan destinadas para a construción das aulas de Educación Infantil. Desde Alternativa Galega de Esquerda entenden sexa cal sexa o lugar escollido o que non debe haber son atrancos para iniciar as obras.

A integración dos dous centros permitiría un mellor desenvolvemento dos procesos de ensino e aprendizaxe, mellor aproveitamento dos recursos educativos que pasarían a ser comúns, unha notable mellora organizativa do centro, e un notable aforro nos custes de funcionamento e mantemento dos dous centros que agora pasaría a ser un só, e unha mellor conciliación da vida familiar e laboral das familias que teñen fillos nos dous centros. Con esta integración, Mugardos podería dispoñer dun verdadeiro CEIP cunhas instalacións axeitadas e máis eficientes.

A segunda das iniciativas de Alternativa Galega de Esquerda aprobadas hoxe por unanimidade en comisión parlamentar referida ao CEIP Santiago Apóstolo  na parroquia de Santiago de Franza (Mugardos) para que a Xunta asuma a cesión das dependencias habilitadas no seu día para vivenda do bedel e o compromiso de iniciar canto antes as obras de acondicionamento para o seu uso educativo. A día de hoxe estas dependencias non cumpren xa coa finalidade de viveda do bedel polo que non se entende, tendo en conta as necesidades de espazos para aulas específicas, non poñan en marcha todos os mecanismos de cooperación precisos para que se integren na praxe docente e educativa do centro.

Relacionados