Menos campañas e máis solucións

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes lembra que este tipo de campañas deben ir acompañadas de solucións reais que permitan á cidadanía evitar a utilización masiva do automóbil, para que non queden en meras campañas recadatorias. A Coruña ten un grande déficit de aparcamentos, un deficiente transporte público e unha difícil xeografía factores que dificultan a mobilidade, si engadimos a entrada diaria de milleiros de coches da bisbarra podemos observar con claridade que a campaña ten que ir acompañada de medidas, por iso dende EU propoñemos unha serie de medidas fundamentais como a creación de aparcadoiros disuasorios gratuítos nas entradas da cidade conectados mediante transporte público con carril bus para evitar a entrada de miles de vehículos, a creación de zonas de aparcadoiros provisionais gratuítos en cada barrio aproveitando as zonas infrautilizadas, a canalización da circulación polas rúas principais de cada barrio, prohibindo o tránsito nas rúas interiores salvo para residentes, transporte público e carga e descarga ou o abaratamento e ampliación do servizo de aluguer de bicicletas a todos os barrios, incorporando en cada punto de aluguer un aparcadoiro cuberto para bicicletas e outro para motocicletas.

Esquerda Unida insta ao goberno municipal a que centre o esforzo en mellorar as condicións do transporte público colectivo. Neste sentido semella incoherente publicitar campañas para mellorar a mobilidade cando desde que chegou Negreira a María Pita o PP non fixo máis que encarecer e facer menos eficiente o transporte público colectivo, incrementando as tarifas e retirando o carril bus.

Non cabe dúbida que cun transporte público eficiente e barato, gran parte dos problemas de mobilidade quedarían resoltos, por iso propoñemos:

Implantación do billete único progresivo diario que permita a utilización universal do transporte público. Pagando no primeiro viaxe o billete en función da renda da unidade familiar e so o 10% do billete en cada viaxe ao longo do día.

Creación de liñas concéntricas que permitan a mobilidade entre barrios.

– Substituír a rede de tranvías turísticos por unha moderna para facela operativa.

Implantación de amplas redes de carril bus e carril bici en consenso coa veciñanza.

– Acordos supramunicipais para coordinar e mellorar o transporte metropolitano e recuperar o tren de proximidade.

Relacionados