Moción defensa servizos sociais

Esquerda Unida e Espazo Ecosocialista instan ao goberno municipal a comprometerse a manter todas as prestacións sociais, diante da Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, que de non modificarse, suporá o desmantelamento efectivo do cuarto piar sobre o que se sustenta o Estado do Benestar Social.  Pois os concellos debido a súa proximidade á cidadanía teñen sido centrais, nos últimos trinta anos, no desenvolvemento de políticas sociais activas, mesmo a pesar do escaso interese mostrado polos diferentes gobernos, máis ocupados en políticas urbanísticas máis rendibles electoralmente.

En concreto o artigo sete, que modifica o artigo 26 da vixente Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das bases de Réxime Local sobre competencias dos concellos, e especificamente dos Servizos Sociais. A nova Lei xera incerteza e preocupación cando sinala que a única competencia propia dos Concellos neste ámbito será, “a avaliación e información de situacións de necesidade e a atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social”.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes rexistra unha moción elaborada por Espazo Ecosocialista Galego na defensa dos servizos sociais, para evitar que se incrementen as desigualdades e que a política social se converta en asistencial de beneficencia. A parte resolutiva indica:

Demandamos do Pleno do Concello A Coruña que aprobe as seguintes medidas e carta nivel de atención primaria:

1.-   Posicionamento contra o actual anteproxecto de Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local e en concreto no que concerne ao seu artigo sete.

2.-  Compromiso a manter na súa integridade as actuais equipas de atención primaria ou comunitarios, atención ás toxicomanías, información á muller, maiores, etc. e non actuar como correa de transmisión dos recortes como foi o caso do equipo municipal de inclusión, que outros concellos como o de Ourense mantiveron.

3.-  Manter a seguinte carteira de prestacións no ámbito municipal e de carácter público:

–   Información, orientación, asesoramento e diagnóstico de situacións de necesidade

Axuda a domicilio e apoio á unidade de convivencia

Axudas económicas de emerxencia social

Intervención e mediación familiar

Prevención, intervención e inserción, dirixida a persoas, familias, grupos e  colectivos en risco ou situación de exclusión social

Acompañamento nos itinerarios de inclusión social

Adopción de medidas de protección de menores en situación de risco

Atención primaria a mulleres vítimas de violencia de xénero

Atención primaria á terceira idade e discapacitados. Xestión da Atención á Dependencia

Aloxamento de urxencia

Servizos de promoción e dinamización comunitaria, e voluntariado social

4.- Non aumentar a externalización de servizos, como na actualidade a intervención familiar en situacións familiares de risco con menores a cargo, ou o servizo de axuda no fogar.

César Santiso, indicou que “con esta primeira colaboración institucional entre partidos que pertencemos a coalición Alternativa Galega de Esquerda comezamos unha nova etapa na política coruñesa na que esperamos que a maioría social síntase reflectida”.

Pola súa banda, Ricardo Saavedra agradeceu a dispoñibilidade do grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes e en especial a do seu voceiro, César Santiso, ao tempo que anunciou que conta con presentar moitas máis iniciativas de xeito no concello da Coruña.

 

Saavedra explicou que se trata dunha estratexia global na que se pretenden presentar iniciativas nos distintos concellos galegos, mentres subliñaba que “con esta normativa os concellos serán meros avaliadores e derivadores da atención personalizada á cidadanía, incluso as comunidades autónomas poderán non delegar os servizos sociais institucionalizando, así, a desigualdade.

Relacionados