jSharing - JA Teline III

Saúdo da coordinadora

Correo-e Imprimir PDF

 

"Resistir é crear".

 

Permitídeme que me acolla ao remate do Indignádevos de Stéphane Hesel, vello e combativo resistente francés. Fago miña a súa apelación ético-política para afirmar a necesidade e importancia de organizarmos a resistencia política, social e cultural. Darmos a batalla é o paso primeiro para podela gañar e producir un país novo, afincado na xustiza e a igualdade.

 

 

Seica o entrar nesta páxina buscas ler razóns e xeitos de organizar a loita distintos. Para producilos necesitamos da túa intelixencia e compromiso, das persoas que coma ti semellan invisibles para un poder apenas atento a outra cousa que non sexa garantir as condicións de reprodución dunha orde social inicua, que fai do desemprego e da precariedade, das privatizacións e do exercicio gladiatorio dos nosos egoísmos, e da negación da nosa historia e cultura os mecanismos disciplinarios para pechar o noso porvir.

 

 

Non é doado exercer a condición de cidadanía nas condicións materiais e ideolóxicas presentes. Tal tarefa demanda de todas e todos nós un xeito de vivir e pensar distinto, a contracorrente, difícil. Se es das persoas que non aturan a abafante ditadura do pensamento único e a estéril unilateralidade que nos reduce a consumidores, podes que compartir connosco a ousadía de imaxinar un país onde haxa emprego estable e con dereitos, un fornecido autogoberno nacional, unha igualdade real para homes e mulleres, unha lingua propia que encha todos os eidos da vida social e unha terra ceibe da condición de mercadoría e vertedoiro.

 

 

Ti formas parte desa maioría social traballadora que constitúe a base para a construción dun bloque social alternativo, quen de impugnar os vellos mecanismos de poder, as complicidades e violencias do poder económico e a teimuda negación da nosa identidade nacional. Estou certa que somos quen de producir de maneira partillada e plural, contando coa túa colaboración, unha proposta política e cultural e unha praxe de intervención nos conflitos sociais, que achegue o noso contributo a emancipación social e nacional de Galicia. Vén connosco a resistir e a crear.

 

 

Yolanda Díaz
Coordinadora Nacional de Esquerda Unida