Nave do mercado

 

O paso dos meses, até 15,  sen que se teña resolto a cuestión deixa en evidencia a falla de cumprimento dun acordo plenario polo Goberno Municipal. O noso Grupo Municipal non atopa outras razóns   para este atraso, agás o desleixo e a inoperancia que caracterizan ás máis das accións  e/ou inaccións deste Goberno.

 

As novas que se suceden nos xornais acerca do futuro da nave amosan a imprevisión do Goberno. Xunto con elo hai moito de propaganda indisimulada en revestir un acordo plenario cunha operación que se anuncia tanto como se adía. Ben está que se anuncien  grandes plans, pero mellor cousa é cumprir coas pequenas transformacións que de maneira certa e efectiva melloran a nosa cidade e a calidade de vida da nosa veciñanza.

 

Cando se aprobou polo Pleno, nas verbas do concelleiro de urbanismo se falaba de dúas cuestións nas que se estaba a traballar xa entón:  a reubicación de 3 postos e máis a cuestión do informe encargado aos técnicos do concello para proceder o derrubo da nave. Sobre esta segunda cuestión, o concelleiro de urbanismo dixo no Pleno, segundo se recolle no acta, que xa dera instrucións en outubro de 2008  aos técnicos para concretar como proceder á demolición. Nada máis soubemos, pero semella intolerable que o Goberno deixe transcorrer ano e medio sen resultado algún.  Se para resolver unha cuestión de envergadura menor se require tanto tempo, que non restará para as grandes obras que ten pendente a nosa cidade.

 

O Grupo Municipal de EU quere lembrar o valor deste derrubo para facilitar a conexión e artellamento da zona baixa da cidade entre o Cantón e a Alameda do Carbón. A maiores do que supón para unha concepción rigorosa do urbanismo. Xa que logo, o noso Grupo reclama do Goberno que de acordo coa legalidade que supoñen os acordos plenarios faga efectivo o seu cumprimento.

Relacionados