No 28-X, coas persoas LGTBI

O 28 de xuño, día internacional do Orgullo LGTBI, é unha data que simboliza o valor, o esforzo e o sufrimento de moitas persoas que ao longo da historia e na actualidade loitaron e seguen loitando polo recoñecemento dos seus dereitos e liberdades. É por iso que dende Esquerda Unida tamén rememoramos aquel espírito que, un día de 1969, levou ás nosas compañeiras transmaribibolleras de Nova York a saír e tomar as rúas polos nosos dereitos e contra as súas violencias.

“Sen dúbida, falamos dun día no que reividicamos a historia do colectivo LGTBI, así como o seu presente e futuro de loita en prol da igualdade real, pola dignidade das persoas”, explica Noel Dopazo Vázquez, coordinador da Área de Diversidade Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU). Segundo Dopazo, “grazas ao activismo LGTBI, sempre en clave feminista, estanse dando importantes pasos na conquistas de dereitos e na construción dunha sociedade diversa e respectuosa”.

Pero non podemos pensar que vivimos nunha igualdade real. Hoxe seguimos sufrindo agresións cara ao colectivo LGTBI, vemos como estas van en aumento en cada ámbito da vida: escola, traballo, espazos públicos… Segundo o último informe do Ministerio do Interior, o 40% dos delitos de odio do 2014 foron causados por orientación sexual ou identidade de xénero.

Neste senso, as cifras indican que segue sendo necesario visibilizar que non só o colectivo LGTBI sufre violencias físicas, senón que a comunidade LGTBI sufre múltiples tipos de violencias que hai que erradicar.

“As persoas LGTBI seguimos a sufrir violencia de moitas maneiras na nosa vida cotiá, tanto a nivel de agresións como de discriminacións e exclusións de todo tipo. É importante buscar a unidade do colectivo na resposta a estes ataques de cara a acadar as vitorias que aínda nos faltan por conseguir”, detalla Dopazo.

Dende Esquerda Unida pensamos que, para facer fronte á LGTBIfobia, ao odio e discriminación cara ao colectivo LGTBI, é necesario impulsar a denuncia pública e visibilizar estas violencias e falta de dereitos, para así poder tomar medidas desde as institucións para lograr erradicar a LGTBIfobia de raíz e vivir en lugares onde a igualdade real sexa unha realidade.

Para conquistar a ansiada igualdade real, que se leva esixindo desde as revoltas de Stonewall, é necesario responder de forma contundente desde as rúas e as institucións, unidas fronte a un sistema heteropatriarcal que violenta e ataca a unha parte da poboación. Por iso tamén queremos animar á xente a acudir ás diferentes actividades e mobilizacións convocadas este día dunha forma reivindicativa e festiva.

Entre as medidas que defendemos dende Esquerda Unida está a de apostar por unha educación pública, laica, de calidade e que atenda á diversidade, creando un espazo educativo no que primen os valores democráticos. Tamén se insta a impulsar nos centros educativos a creación e posta en marcha de Titorías de Atención á Diversidade Afectivo-Sexual.

Neste senso, todas as medidas que denunciamos están dirixidas a erradicación da homofobia, lesbofobia, bifobia e transfobia, así como a posta en marcha dun programa para erradicar estas lacras sociais.

Relacionados