Este Orgullo 2025 non debe ser unha festa baleira, nin un desfile de marcas e empresas, nin unha campaña de lavados de cara. Este Orgullo é loita, é memoria, é lume, é resistencia. Porque nacemos para vivir con dignidade, e seguiremos berrando ata que se respecte cada vida LGTBIQA+ en cada barrio, en cada escola, en cada centro de traballo, en cada fronteira.
Reivindicamos a paz, pero non unha paz cega nin cómplice. Reivindicamos a paz como xustiza: a paz sen guerras, sen ocupacións, sen pinkwashing. É sinxelo: queremos que se cumpran os Dereitos
Humanos. Mentres bombardean pobos, destrúen vidas e silencian voces, algúns tentan ondear a nosa bandeira para tapar os seus crimes. Non no noso nome! O Orgullo é internacionalista e solidario con quen resiste en Palestina, no Sáhara, en todas partes. Porque sen xustiza e Dereitos Humanos non hai paz.
Denunciamos unhas políticas migratorias inhumanas que condenan a miles á clandestinidade, a violencia e a morte. As persoas LGTBIQA+ que foxen da persecución, do odio, da violencia sexual e estatal, chegan ás nosas fronteiras buscando refuxio e só atopan muros, concertinas, racismo institucional e LGTBIfobia. Esiximos asilo para quen ama ou existen fóra da norma, protección real, e políticas de acollida que poñan a vida no centro. Basta de fronteiras asasinas.
A precariedade atravésanos. As persoas trans binarias e non binarias, as migrantes, as racializadas, as que teñen pluma… seguimos sendo as últimas na fila e as primeiras en ser despedidas. Quérennos en paro, en silencio, con medo, sen molestar. Pero non imos aceptar que nos arrebaten o dereito a un futuro digno. Esiximos empregos estables, o cumprimento das leis que se supón que nos protexen. Porque as TransMariBiBolleras tamén somos clase obreira. Porque o orgullo tamén se defende na fábrica, na oficina, no campo e nas colas do INEM.
As aulas tampouco son un espazo seguro. Estudantes LGTBIQA+ seguen sendo insultadas, golpeadas, empuxadas ao armario ou ao suicidio. E aínda hai quen quere borrar a nosa existencia dos libros, dos temarios, das paredes. Xa abonda de acoso. Queremos educación pública, feminista e diversa, sen medo, sen vergoña.
E berramos con rabia polas nosas irmás e irmáns trans: as que están, as que foron, as que veñen. Porque seguen enfrontando o desprezo, a exclusión, a violencia institucional, médica e laboral. Porque xa abonda de leis que non se cumpren, de sanidade que non atenden, de traballos que pechan portas. A loita trans é o corazón do movemento, e defendela é unha liña vermella. Que o escoiten claro: non daremos nin un paso atrás.
O noso Orgullo é de clase, e por iso é incómodo. Non cabemos no capitalismo, nin no patriarcado, nin nas súas campañas de cores. Non queremos arco da vella sobre o sangue dos nosos compañeiros, compañeiras e compañeires de clase, nin discursos baleiros mentres os nosos dereitos retroceden. Somos anticapitalistas, feministas, antifascistas, antirracistas. Non nos vendemos.Organizámonos. Defendémonos. Coidámonos.
Este Orgullo non é decoración, é barricada, é trincheira, é berro colectivo. Porque o que non se nomea non existe, pero o que se berra con forza conquístase. Por iso, este Orgullo, saímos unha vez máis á rúa, coas pancartas no alto, coas historias na pel, coa rabia convertida en tenrura, con organización e con memoria xa que sen memoria non hai Orgullo. Por quen abriu camiño. Por quen o camiña hoxe. Por quen aínda non pode. Porque non queremos sobrevivir: queremos vivir libres, visibles e con dignidade.