O BOE certifica a ignominia practicada polo Consello de Ministros que acelera a tramitación da autorización de Reganosa

Yolanda Díaz, coordinadora de Esquerda Unida e deputada de En Marea, cualifica de “escandaloso e lamentable” que “hoxe, e ás presas, saia publicado no BOE a tramitación da autorización de Reganosa. É vergoñento que se estean a tomar tantas presas co fin de acurtar os prazos á metade para que lles dea tempo a deixalo arranxado antes de irse”, indica.

O Consello de Ministros acordou onte a exclusión de “maneira excepcional” do trámite de avaliación ambiental para os proxectos de autorización de Reganosa, esgrimindo razóns de excepcional interese xeral para España e Portugal, un feito que Díaz xa criticara como “unha verdadeira cacicada e animalada en democracia”, censurando así a actitude prevaricadora do goberno en funcións.

“O goberno en funcións ten tres sentenzas do Tribunal Supremo e un recurso de aclaración onde se di que Reganosa é ilegal, e que pon en perigo á cidadanía. Con esta decisión tomada ás presas, o Goberno é  cómplice dunha temeridade e dun atentado que pon en risco a vida de milleiros de persoas, xa que está a apoiar o mantemento dunha instalación ilegal, deficitaria e perigosa no interior da Ría de Ferrol”, considera Díaz.

Relacionados