O Congreso aproba por maioría absoluta impulsar un Plan Industrial para Navantia

Yolanda Díaz, deputada de En Marea e coordinadora de Esquerda Unida, vén de defender no pleno do Congreso dos Deputados a creación dun plan industrial para Navantia, unha PnL que foi aprobada por maioría absoluta, após acordar unha transaccional.

Segundo esta PnL, o Congreso dos Deputados insta ao Goberno a “impulsar, de acordo coa representación sindical do persoal, o Plan industrial da compañía Navantia, que contemple e defina as actividades estratéxicas para a mesma, tanto na construción naval como nos mercados onde xa orienta a súa diversificación, que manteña programas de reciclado ecolóxico de buques e de eólica offshore, e que defina os recursos que para iso se necesitan, así como os precisos para realizar un Plan de Investimentos en I +D+i e definir as necesidades do persoal que permitan o seu rexuvenecemento e a súa cualificación profesional, mantendo as retribucións salariais acordes a esa cualificación”, acordaron os grupos.

No seu discurso, que se pode ver neste vídeo, Yolanda Díaz pediu o cese do presidente de Navantia, José Manuel Revuelta, “que é un risco para esta empresa”. “O primeiro que teñen que facer é cesar ao presidente Revuelta, un risco para esta empresa dado que levamos xa 300 millóns de perdas no 2016, no que é a peor xestión política que recordamos”. Ademais, a parlamentar insistiu en garantir un sector “tecnoloxidazo” en mans do público para poder invertir e comerciar, ademais de un “rexuvenecemento do cadro de persoal e que se aproben os acordos das empresas auxiliares”. “Pedimos que se poñan do lado dos modelos produtivos, da dignidade e da vida. Voten a favor e póñanse a traballar”, concluíu a deputada.

E a favor votaron 334 deputados/as e houbo 6 abstencións, unha por erro e 5 do PNV.

Relacionados