Esquerda Unida insta ao goberno municipal a desenvolver as obras de mellora necesarias no barrio de Mesoiro Vello solicitadas pola veciñanza, como a instalación de máis semáforos na estrada principal, que se arranxen as beirarrúas e que se constrúan onde non as hai, así como dotar a única praza da zona dunhas mellores infraestruturas e bancos para persoas maiores nas zonas verdes adicadas ao descanso.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a mellora dos barrios debe ser unha das principais apostas do goberno municipal, xa que se trata dunha forma de crear emprego no ámbito local, algo que nestes momentos resulta de vital importancia”.
Entendemos que na cidade non deberían existir barrios de primeira e segunda, xa que logo, todos deben contar cun mesmo trato por parte da administración e cunhas instalacións adecuadas que permitan á cidadanía desenvolver certa calidade de vida.
Polo exposto, o grupo municipal de Esquerda Unida- Os Verdes rexistra unha batería de preguntas a fin de coñecer se o goberno municipal ten pensado arranxar as beirarrúas de Mesoiro Vello, así como, dotar ao barrio dunhas mellores infraestruturas e de máis zonas verdes. Concretamente, o tenor literal das preguntas é o seguinte.
– Ten previsto o goberno municipal instalar máis semáforos e bandas rugosas na carretera principal do barrio?
– Cando se van arranxar as beirarrúas que se atopan actualmente en ínfimas condicións e cando se van a construír beirarrúas novas onde non as hai?
– Ten pensado dotar a praza do barrio dunhas mellores infraestructuras?
– Ten previsto instalar bancos para persoas maiores nas zonas verdes ou nas zonas adicadas a descanso?







