Operación Campeon

 

Polos Xulgados lucenses pasan a diario, para declarar en diferentes causas, empresarios, políticos e funcionarios, que nalgúns casos deberon simultanear as súas comparecencias en Lugo coas do Tribunal Supremo en Madrid.

 

Os datos aos que imos tendo acceso despois da apertura do sumario do caso Campión constatan unha evidente e repugnante mestura de intereses políticos e empresariais, que deixan moi á marxe os intereses reais da cidadanía.

 

 

A grandes rasgos, isto non é novo para EU. Levamos anos insistindo na existencia dunha rede de empresarios, políticos e funcionarios con intereses comúns e compartidos en asuntos empresariais, especialmente os vinculados co urbanismo, materia que serve de nexo de unión entre moitos deles.

 

 

Por iso consideramos que EU é actualmente en Lugo a única forza política lexitimada para falar de transparencia e honestidade. PP, PSOE e BNG están visiblemente salpicados por diferentes casos de corrupción. Ademais, é público e notorio que denunciamos e combatemos a corrupción política “a peito descuberto” no obxectivo de recuperar a dignidade da POLÍTICA con maiúsculas e rexenerar a vida democrática no noso municipio. Para elo abrimos no seu día o espazo dixital Lugo Anticorrupción, que xa supera as vinte mil visitas.

 

 

Por iso participamos na Plataforma contra a Corrupción e nos implicamos na organización da manifestación que se celebrou en Lugo en outubro de 2011. Á luz dos acontecementos non resulta difícil comprender a causa que levou a PP, PSOE e BNG a non participar en dita manifestación. Nin tampouco é difícil explicar por que decidiron boicoteala e presionaron para que a cidadanía non asistise. Acusabannos aos integrantes da Plataforma contra a Corrupción de transmitir unha imaxe negativa de Lugo. Dicían, e seguen dicindo, que en Lugo non existe corrupción. Sen embargo, queda claro na nosa cidade e fóra dela que os que enturbian a súa imaxe son os que teñen causas pendentes coa Xustiza por corrupción, non os que nos enfrentamos a ela.

 

 

Para EU, unha das causas fundamentais polas que se xenera un problema destas magnitudes é a existencia dun “tripartidismo armónico”, moi cómodo sen partidos intrusos nas institucións, nas que se reparten os cargos desde hai moitos anos. Ese tripartidismo propicia claramente a existencia de redes clientelares e de tráfico de influencias, máis aló de supostos principios ideolóxicos.

 

 

A “troika” formada por PP, PSOE e BNG escenifica unha confrontación política que sen embargo non existe nas grandes tomas de decisión. E Lugo é o mellor exemplo. Ás veces coinciden os tres (caso do fallido auditorio en San Fernando; o polígono das Gándaras, xa urbanizado pero sen unha simple nave industrial; ou as recalificacións para urbanizar o entorno do campo de golf con claros vínculos coa operación Campeón). Ás veces se alternan en parellas de baile cambiadas: PSOE e BNG privatizan o servizo de augas a través dunha empresa mixta, ou aproban os orzamentos do ano anterior co BNG na oposición; PSOE e PP aprobaron conxuntamente o Plan Xeral de Urbanismo (PXOM) e os orzamentos de hai dous anos, por poñer algúns exemplos. Mesmo PP e BNG teñen coincidido moitas veces no Pleno presentando mocións conxuntas.

 

 

Pero no que máis coinciden os tres partidos é na súa relación con determinados empresarios de Lugo. Existe unha disputa entre partidos por favorecer a determinados empresarios que se lucran con fondos públicos. Tal era o caso do tristemente afamado Jorge Dorribo. Mentres hai pouco tempo a maior parte da clase política aparecía retratada en actos públicos e mesmo en homenaxes co empresario, hoxe se refiren a el como un corrupto apestado do que ninguén quere saber: de prohome e mecenas da cidade a infame e innombrable. Agora, os supostos comportamentos delictivos do empresario serven como excusa aos imputados para eludir responsabilidades.

 

 

A Operación Campión amosa a existencia de facturas falsas que serviron de xustificantes para subvencións millonarias concedidas polo goberno bipartito do PSdeG e BNG, e mais polo goberno do PP. O resultado polo de agora: o alcalde socialista de Lugo, un exconselleiro do BNG, un deputado do PP e o exministro de Fomento imputados, entre outros políticos da “troika”.

 

 

Igualmente están imputados un mínimo de quince empresarios e dez altos funcionarios da Xunta de Galicia. E a investigación salpica tamén ao actual Presidente da Xunta, quen aparece varias veces reflectido no sumario, e cuxo goberno concedeu axudas e subvencións millonarias a empresas do entramado Nupel de xeito irregular.

  

Feijoó manifestou que el era un “espectador interesado” na trama e o PP carga as tintas no anterior ministro de Fomento, José Blanco. O secretario xeral do PsdeG, Pachi Vázquez, asegurou que a operación Campeón “comenzou no despacho de Feijoó”. E Guillerme Vázquez fala de responsabilidades directas do PP e exculpa aos imputados relacionados co BNG. Un cruce de acusacións entre os seus máximos dirixentes que so arroxa confusión sobre as responsabilidades duns e outros.

 

 

Nestes anos, pese aos escándalos e polémicas suscitadas polas investigacións xudiciais dos zulgados lucenses (operación Carioca, operación Rei, retirada das multas de tráfico, retirada de multas da policía local ou PXOM) ningún deles se ten manifestado claramente. Por iso desde EU sempre dixemos que en Lugo existe unhaomertá, unha lei do silencio declarada entre os mencionados partidos. Non acusamos a ninguén en particular, e respetamos sempre a presunción de inocencia dos imputados, pero constatamos unha realidade que ninguén pode negar.

 

 

En outubro, os principais imputados dicían que estaban desexando que se abrise o secreto sumarial para demostrar inmediatamente que eran inocentes. O coñecemento público do sumario arroxa máis dúbidas sobre a inocencia da maioría deles. A publicación nos medios de comunicación de transcripcións de conversas telefónicas entre empresarios e políticos implicados na trama de presunta adxudicación ilegal de subvencións, demostra que están realizadas antes da declaración de Dorribo en agosto de 2011. Nelas aparecen presuntos delitos de subornos, tráfico de influencias e financiación irregular de partidos políticos. “Poner la gallina para las municipales” ou “yo le pongo el alcalde que quiera”, son frases que certamente estremecen polo seu referente mafioso.

 

 

Ao coñecemento público do sumario da operación Campión súmase agora o levantamento do secreto de sumario da Operación Carioca, onde aparecen máis políticos e máis empresarios, e onde xa están imputados decenas de funcionarios públicos. É moi probable que a Carioca, co maior sumario da historia de Galicia logo do sumario da marea negra do Prestixe, cause aínda máis conmoción social, tendo en conta os aspectos escabrosos que investiga e que constitúe a raíz da operación Campión. Todo indica que o proceso xudicial será longo e que haberá máis imputacións e mesmo detencións.

 

 

En canto ao veredicto xudicial, estamos seguros de que a Xustiza chegará ata o final e clarificará as responsabilidades de cada quen.

En canto ao veredicto político, EU declara culpable á “troika” de perverter a vida social, política e económica no noso municipio.

 

 

Por iso desde EU queremos trasladar aos/ás lucenses unha mensaxe clara e esperanzada:

Agora máis que nunca é necesario participar social e politicamente para darlle a volta a este sistema e rexenerar a vida democrática na nosa sociedade.

 

A política non ten culpa do sucedido. Ao revés. O vaciamento político e ideolóxico está no fondo desta situación. É necesario que entre todos e todas aproveitemos esta oportunidade para recuperar a POLÍTICA con maiúsculas, a POLÍTICA como arte de facer posible o imposible. A situación o require.

Relacionados