Ora e grúa de xestión municipal

En lugar de obter os importantes beneficios derivados dunha actividade recadatoria que debería ter moi poucos custes de xestión, estanse a producir perdas por valor de 50.000 euros mensuais, así nos últimos tres anos e medio as perdas superan os dous millóns de euros. Concretamente nos seis primeiros meses do ano 2012 os ingresos da concesión supuxeron 1.556.492,03 € mentres que os custes do servizo disparáronse até a inaceptábel cantidade de 1.865.414,76 €, é dicir 308.922,73 € de déficit que temos que pagar entre toda a veciñanza.

Esquerda Unida denuncia a inacción do goberno municipal diante do malgasto que supón as perdas da concesionaria de ORA e grúa, situación que o goberno local do PP comprometeuse publicamente a resolver cando denunciamos en decembro de 2011 que durante os tres últimos anos as perdas declaradas pola empresa ascendían a 1,7 millóns de euros. Así a concesionaria, Grupo Europeo de Servizos Doal, recibe das arcas municipais a cantidade deficitaria derivada da xestión destes servizos, é dicir unha vez máis os coruñeses e coruñesas temos que financiar as perdas dunha empresa privada, tal e como establece o contrato adxudicado en abril 2005, debido á mala xestión pública do PSOE que cando goberna adícase a brindar contratos que aseguren a socialización da perdas das empresas ao tempo que privatiza os beneficios.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón que sexa o propio concello quen xestione uns servizos que en lugar de producir beneficios como sería o normal supón un sobrecusto de 2000 € diarios aos coruñeses. Abrindo unha negociación coa empresa que non debería ter problema en renunciar á concesión xa que, si as súas contas de resultados reflicten a realidade, non está a obter beneficios empresariais e ademais o seu contrato remata no ano 2015.

César Santiso, indicou que “o pasotismo do PP neste tema, como noutros moitos que inciden directamente nos petos da veciñanza contrasta coas présas con que aprobou o PXOM, demostrando que en lugar de mirar polo ben da cidadanía, preocúpanse polos temas especulativos.

Santiso afirmou que non ten sentido manter un servizo deficitario de índole recadatario que debería nutrir de cartos as arcas municipais para investir en reactivación económica ou servizos sociais, cando ademais non resolve os problemas de mobilidade. Os coruñeses e coruñesas estamos repagando, primeiro cando facemos uso do servizo, despois cubrindo as perdas declaradas pola empresa. “Chegou o momento de que o Goberno municipal asuma a súa responsabilidade e actúe para evitar esta situación. O Concello ten a obriga de aforrar cartos e mellorar a calidade dos servizos á cidadanía, empecemos por recuperar servizos de doada xestión e alta rendibilidade como a retirada de vehículos e vixilancia de estacionamento”.

 

Relacionados