Orzamentos destrutibles

Nun informe elaborado polo Ministerio de Facenda dirixido polo ministro Cristobal Montoro  baixo o título ‘Proyecto Presupuestos Generales de las Comunidades Autónomas’ se poñen de manifesto as mentiras do goberno galego xa que os propios datos do documento sinalan unha diminución do 1,99 por cento pasando do 66,33 ao 60,59 por cento.  No mesmo informe destácase que Galicia ocupa a duodécima posición das 17 comunidades autónomas no relativo ao investimento social o que tira por terra as afirmacións da conselleira, Elena Muñóz cando en sede parlamentar repetiu unha e outra vez que Galicia sitúase en postos de cabeza.

Estes datos aportados polo propio goberno do Estado desarman ao goberno galego e deixan en evidencia o seu xeito gobernar baseado na mentira e o engano constante tal e como denunciou o grupo parlamentar de AGE desde o primeiro momento en todas as súas intervencións durante o debate dos orzamentos para o vindeiro ano.

A propia viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, acusou á Xunta do señor Núñez dunha “práctica contábel en que todo baixa agás os xuros da débeda na que os únicos que gañan son os seus amigos banqueiros” recomendando ao goberno do PP que “vai sendo tempo de que abandonen a doutrina Goebbels e digan a verdade, estes son uns orzamentos antisociais”. Afirmacións que agora son confirmadas polo propio goberno de Mariano Rajoy a través deste informe do Ministerio de Facenda no que se indica ás claras que o gasto na función da débeda pública aumenta en Galicia nun 86,44 por cento.

Un goberno ao servizo dos poderosos cuxo único obxectivo é destruír os sectores estratéxicos da protección pública con continuos recortes en sanidade, educación, servizos sociais e promoción social. Un goberno criminal que non sinte rubor algún ao mentir en sede parlamentar enganando e roubando á cidadanía, mentiras descubertas polos os seus propios compañeiros no goberno do Estado e que confirman as denuncias dos deputados de AGE e xustifican as propostas do grupo parlamentar nas que se solicitaba o incremento do teito de gasto e se reclamaba un aumento das partidas dedicadas a investimento social entre outras moitas medidas.

 

Relacionados