Orzamentos do Estado para Ferrol

 

Sen prexuízo dun estudo en profundidade que completaremos nestes días, hai que salientar nunha primeira ollada o acusado descenso dos investimentos, que  é superior ao que se produce no conxunto de Galicia, a que se ignora en absoluto a urxente necesidade do ferrocarril e a que incluso se propoñen cantidades que en puridade non son territorializables para disimular ao brutal descenso da acción inversora pública.

 

O descenso para o conxunto do investimento no noso país  está nunha orde de case o 24%, porcentaxe que se supera con creces para a nosa bisbarra, que sae particularmente prexudicada coa proposta presentada polo Goberno do PSOE. A mingua na contía dos investimentos adicados ao saneamento coa conseguinte demora no remate do mesmo, o esquecemento absoluto dos investimentos en materia ferroviaria e a redución das axudas achegadas ao abeiro do Plan Ferrol constitúen eivas de primeira magnitude para a nosa cidadanía. 

 

A pesares da importancia do atraso das obras do saneamento   que agora se dilatan até 2014 ( emisario submariño, o colector xeral e as obras de  remate do cruce e a impulsión da Malata )  se reducen o conxunto das partidas adicadas ao mesmo, desbotando as sempiternas demandas cidadás, que fan do saneamento un punto fundamental na mellora da prestación dos servizos públicos.

 

No eido ferroviario a exclusión de Ferrol semella inaceptable: Non se consigna un peso para o mantemento das infraestruturas das liñas convencionais e nada se achega para a nosa cidade no plan de modernización de estacións.  Xunto con isto  se aprecia o compromiso do Ministerio de Fomento coa nosa cidade en que nen se pon un euro para os estudos  do Eixo Atlántico Ferrol- Coruña e somentes cen mil euros para a conexión co Porto Exterior: isto é non haberá nada outro ano máis.

 

Tamén sofre un acusado descenso as consignacións para o Plan Ferrol en materia de axudas, preto de dez millóns de euros menos nun intre de grave recesión económica.  

 

Salientar que a dotación orzamentaria de Solo Industrial do Atlántico, promotora do polígono industrial de Leixa non contempla  nen un can para o orzamento de 2011 para Ferrol. Todo elo no contexto dunha falla de utilización destas infraestruturas xa rematadas: dos 8,1 millóns de metros cadrados útiles hoxendía hai 1,9 millóns baleiros, cifras que son elocuentes en si mesmas.

 

O Grupo Municipal subliña a falla de consignación orzamentaria por parte dos ministerios, caso do de  Defensa, no que atinxe á mil e unha veces anunciada polo Goberno Municipal proposta de abrir a cidade o mar. Denunciar, xa que logo, o fume publicitario sen feito real algún que o apoie neste caso.

 

A nosa organización tamén quere chamar a atención na tentación gubernamental de facer trampas cos números dun orzamento restritivo e contrario aos intereses das traballadoras e dos traballadores, pensionistas e en xeral os sectores populares da nosa cidadanía. Así pasa coas partidas asignadas a Navantia  que se contemplan como investimento territorializable cando non é.

 

Esquerda Unida vai presentar no trámite parlamentar de emenda que se abre até o 25 de outubro unha batería de medidas correctoras para superar a discriminación que en materia de equipamentos  e infraestruturas presenta o actual documento para coa nosa cidadanía.

Relacionados