Paralización de desafiuzamentos

O grupo parlamentario reclama, tras a sentenza do Tribunal de Xustiza europeo que declara incompatíbel a lei española cunha directiva de 1993, o adecuamento da lexislación ao marco da UE.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixe a inmediata paralización de todos os procesos de desafiuzamento en marcha. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea vén de ditaminar que a lexislación española de hipotecas é contraria á directiva europea de 1993. Unha das eivas que sinala a sentenza do tribunal de Luxemburgo é que un xuíz encargado dun desafiuzamento non pode adoptar medidas cautelares como por exemplo a paralización do desaloxo. O desafiuzamento por impago de hipoteca é un dos síntomas máis agudos da barbarie que reina na organización económica e social do Estado español.

AGE, como outros partidos de esquerda e numerosos colectivos e movementos sociais, denunciou unha vez e outra a inxustiza e a inmoralidade dos desafiuzamentos. Ás protestas, os partidos sistémicos e os gobernos do Estado –o de Rajoy e o de Zapatero- fixeron ouvidos xordos. Agora, o Tribunal de Xustiza da UE vén dar a razón ao pobo que loita contra, en palabras do sociólogo brasileiro Boaventura de Sousa Santos, “un dos límites morais do capitalismo”.

Alternativa reclama, ademais, o rápido adecuamento das normas estatais ás leis europeas.

Relacionados