O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou o seu rotundo apoio as iniciativas de Xosé Manuel Carril no caso SOMESO para acadar que Francisco Vázquez e os promotores devolvan os millóns perdidos, ao tempo que rexeitou a actitude de ataque ao Grupo Municipal do BNG por parte de PP e PSOE, “apostamos por profundar na investigación, para intentar recuperar o patrimonio perdido e para que a veciñanza coñeza todo o acontecido, así como o nome das persoas que coas súas accións ou omisións propiciaron este pelotazo urbanístico. Xa que logo, apoiamos as accións do BNG, aínda que lamentamos que non fixera nada durante os catro anos de goberno bipartito. En todo caso a actitude de PP e PSOE é inaceptable, así non é de estrañar a desafección da cidadanía coa política é que a casta política sexa motivo de máxima preocupación para a poboación”.
Esquerda Unida afirma que PSOE e PP son os que están a manter unha alianza para encubrir aos culpables do caso SOMESO-FONTENLA. Así o PP votou en contra e o PSOE abstívose na votación dunha moción encamiñada a profundar na investigación deste caso, actitude hipócrita e favorecedora da corrupción e dos pelotazos urbanísticos que caracteriza a estes dous partidos nas últimas décadas. Especialmente grave é o discurso do PSOE, xa que fala de “luz e taquígrafos” de cara á opinión pública, mentres non respalda cos seus votos profundar na investigación. Queda claro que a verdadeira pinza está formada por PP e PSOE na defensa dos intereses das grandes promotoras inmobiliarias, ocultando e impedindo sistematicamente que os responsables dos escándalos urbanísticos das últimas décadas respondan das súas tropelías co seu patrimonio.
Foron diversos gobernos do PSOE capitaneados por Francisco Vázquez os culpables dunha perda patrimonial sen precedentes de 27,5 millóns de euros. Deles, 8,2 corresponden a indemnizacións pola reclasificación irregular de terreos e 19,2 millóns de euros débense a unha sucesións de eivas de difícil explicación no que saíron favorecidos promotores como Fontenla así como diversas familias coruñesas que obtiveron beneficios millonarios uns vendendo terreos que xa eran do concello outros permutando terreos co ente municipal grazas a erróneas interpretacións de convenios por parte do Concello.
Así, a interpretación errónea do Convenio coa familia Yordi Catoira supuxo unha perda de 7 millóns de euros para as arcas municipais ao permutar terreos por valor de 4,6 millóns contra terreos do Concello valorados en 11,6 millóns. Asemade o Concello pagou indebidamente o IVE correspondente a esta permuta, o que supuxo outros 740.000 € de agasallo aos poderosos. Tamén resulta paradigmática a interpretación do contrato asinado cos Herdeiros Bermudez Paz polo que o Concello deixo de percibir 2,4 millóns de euros polo incremento de edificabilidade da parcela dende a súa ocupación. Asemade produciuse outra eiva millonaria coa perdida por conversión do aproveitamento libre en VPO de 1,1 millóns de euros.
Nun programa de radio local, Jose Nogueira, o concelleiro do PSOE insultou ao voceiro do grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes chamándoo miserable por considerar inmorais tanto os 22 millóns de Bárcenas no caso Gurtel como os 19,2 millóns de Vázquez no caso SOMESO.





