Plan Infancia

 

A nosa organización lamenta que vencido xa un ano dende a aprobación da moción nada se teña feito polo Goberno Municipal para abordar esta acción, que o noso entender supón un chanzo de actuación fundamental para atender as problemáticas da infancia e a adolescencia. Unha vez máis amosa o Goberno Municipal a súa incapacidade para aplicar as ideas e propostas acordadas no Pleno.

 

Esquerda Unida demanda xunto coa elaboración do devandito Plan, a constitución dun Consello Municipal da Infancia  que propicie e favoreza a participación das nenas e nenos nas súas problemáticas xunto coas distintas entidades e asociacións que traballan nelas.

 

Esquerda Unida defende que a nosa cidade se integre na rede de Cidades Amigas da Infancia, que auspiciado polo organismo internacional da UNICEF ten como obxectivo pular pola aplicación no eido local da Convención dos Dereitos da Infancia.

 

Coñecer a situación real da infancia na nosa cidade a partires da realidade da falla de datos desagregados para analizar pormenorizadamente as súas necesidades semella unha primeira acción a acometer.

 

Infancia que cómpre subliñar é suxeita de dereitos. Suxeito que necesita de espazos de participación nos que ir gañando a práctica  de exercer  responsabilidades, asemade da pedagoxía para convivir nos valores da solidariedade e a liberdade.

 

As nenas e nenos, as e os adolescentes son dos colectivos máis atacados polas políticas neoliberais a causa da súa febleza e, xa que logo, a nosa sociedade ten que producir espazos para a súa implicación nos diferentes programas municipais que os atinxen, na educación, na vivenda, na educación vial, etc.

 

Porque son o futuro temos unha especial obriga para atender e prover o seu avenir.

Relacionados