Pleno sobre orzamentos 2012

Aínda que somos conscientes de que moitas decisións orzamentarias xa estan tomadas de antemán, como por exemplo os compromisos de gastos plurianuais, os gastos de persoal ou a mesma débeda pública. Non cabe dúbida que os orzamentos representan a concreción do plan económico da facenda pública do Concello, e dicir os orzamentos plasman en cifras a vontade política do Goberno municipal.

Logo dunha profunda análise dos orzamentos que se someten á aprobación inicial neste Pleno do Concello, Esquerda Unida – Os Verdes constata a nula vontade política de reactivar a economía local e loitar proactivamente para fomentar a creación de emprego. O balance en canto a investimentos para fomentar o tecido produtivo local é desalentador, tan so obsérvanse leves pinceladas encamiñadas a tal fin como os exiguos 700.000 € para dinamizar o comercio local, ou os absolutamente insuficientes 180.000 € de axudas públicas a emprendedores.

 

Con tristeza constatamos que o Goberno municipal carece dun plan para fomentar a reactivación do tecido produtivo local, e dicir que o PP mentiu miserablemente a veciñanza cando nas pasadas eleccións falaba de cambio e centraba o seu discurso na situación económica.

 

Así, no momento de maior virulencia da crise, o Goberno municipal permítese o luxo de deixar pasar un ano sen actuar na economía local, como si as persoas desempregadas non contaran nos plans do equipo de Goberno. Esta manifesta inacción constitúe unha grave irresponsabilidade de enormes consecuencias, pois cada día que pasa sen que os poderes públicos actúen, a situación vólvese máis complicada cunha desaceleración da economía produtiva e un desemprego en crecemento exponencial.

 

Xa que logo, para Esquerda Unida – Os Verdes uns orzamentos que obvian a reactivación económica local, so poden considerarse como os orzamentos do paro. Desgrazadamente o tempo daranos a razón e a finais de 2012 milleiros de coruñeses perderan o seu posto de traballo. E neste drama que viviran centos de familias coruñesas, o Goberno municipal terá unha gran parte de responsabilidade.

 

Por outra banda, os orzamentos do PP repiten os erros de anteriores gobernos locais, hipotecando as arcas municipais en obras faraónicas que nunca retornaran os investimentos comprometidos. Nesta ocasión a construción do túnel do Parrote para o soterramento do tráfico, amosa o afastado que se atopa o Goberno municipal das necesidades da veciñanza. O proxecto estrela do Goberno municipal, que outrora podería ser considerado un investimento, é un malgasto en tempos de crise e desemprego, pois o investimento en infraestruturas non relacionadas directamente co tecido productivo so crea emprego temporal e precario como demostraron as erráticas medidas adoptadas polo Goberno central do PSOE, e en termos sociais o aumento da calidade de vida dos coruñeses e coruñesas e insignificante.

 

Seguimos pois, coa teima do esquecemento dunha realidade tan obvia como determinante: non nos queda outra saída que o cambio do modelo produtivo baseado no coñecemento e os servizos a cidadanía que sexa máis sustentábel, e menos dependente do petróleo. Un cambio que permita mellorar a competitividade das empresas locais e favorecer a creación de emprego estábel e de calidade. Con todo, o Goberno do PP soterra tres millóns de euros para engordar as contas das empresas constructoras, afondando no insustentábel modelo do ladrillo e o formigón que nos meteu nesta crise salvaxe, en lugar de fomentar o tan urxente e necesario cambio de modelo produtivo.

 

Si ben é certo que os orzamentos reducen algúns gastos superfluos, tamén o é que falta moito por avanzares neste sentido, animamos ao Goberno municipal a que continúe pola senda da austeridade. Pero a austeridade ben entendida porque unha cousa e eliminar gastos superfluos e outra ben distinta é aplicar recortes sociais, porque ao contrario do que falazmente anuncia o Goberno municipal o gasto social descende en termos reais, así anuncia un incremento das partidas destinadas a servizos sociais nun 2,66%, máis este incremento nin tan sequera cubre o incremento de prezos derivado do interanual IPC, que no mes de outubro xa estaba no 3,1%. Asemade o PP non pode xustificar cun incremento do 2,66% os radicais recortes nos orzamentos da Xunta de Galicia no que se refire a gasto social nin o incremento exponencial da demanda da cidadanía por mor a crise económica e os altos índices de desemprego que esta a afogar as familias coruñesas.

 

En definitiva, atopámonos diante duns orzamentos continuistas, que cometen os mesmos erros que os de anos pasados, centrándose unha vez máis nos gastos de funcionamento do propio Concello e en investimentos en infraestruturas de pouca utilidade para cidadanía, en lugar de constituírse nunha ferramenta dinamizadora da economía xeradora de emprego estábel e de calidade. De feito a semellanza entre estes orzamentos e os anteriores evidencian a similitude das políticas de PP e PSOE. Políticas fracasadas incapaces de facernos saír da crise”.

 

Relacionados