Esquerda Unida salienta o valor desta unidade policial, recuperada a raíz dunha proposta en forma de moción presentada por Esquerda Unida ao Pleno, en data de 29 de outubro.
A protección da inigualable contorna natural que posuímos na nosa cidade supón un desafío da meirande importancia para nós e supón un valor certo para unha cidadanía cunha cada vez máis acentuada conciencia medioambiental. A unidade policial medioambiental supón unha axuda indispensable para facer cumprir unha legalidade respectuosa co noso medio.
Aínda hai uns días, Esquerda Unida denunciou un verquido que afectou á praia de Cariño. A sucesión dos verquidos neste areal expresa outra vez a realidade de agresións medioambientais que requiren unha resposta eficaz e rápida das administracións públicas.
Para Esquerda Unida esta unidade policial contribúe de maneira certa a protexer a nosa legalidade; legalidade que ten o sentido de procurar unha utilización racional de todos os recursos naturais públicos e, xa que logo, a mellorar a calidade de vida da nosa cidadanía.