Posicionamento sobre a macrocelulosa en Palas de Rei

Durante a pandemia de COVID-19 moitas foron as administracións que anunciaron a intención de pular pola obtención dos fondos europeos aprobados para reforzar unhas economías afectadas polos cambios na produción que causara a situación sanitaria.

No caso de Galicia, a Xunta de Núñez Feijóo trasladou desde o inicio que unhas das súas propostas era conseguir fondos Next Generation para adicalos a construción dunha fábrica de fibras téxtiles producidas a partires de celulosa.

Desde Esquerda Unida apuntamos desde o inicio as dúbidas sobre un posible proxecto que supuxera ampliar a superficie forestal ocupada por eucaliptos no noso país, que vén padecendo desde fai moitas décadas progresivas vagas de lumes avivadas pola progresiva desaparición das especies arbóreas autóctonas substituídas por especies pirófilas, cuxo máximo expoñente é o propio eucalipto.

Por outra banda, xa na Pandemia, apuntamos que a necesidade de reindustrialización do noso país debía pasar pola creación de emprego de calidade no marco dunha verdadeira transición enerxética, apuntando ademais a nosa negativa a que os fondos europeos rematasen en mans das grandes multinacionais pola vía dos feitos.

O conxunto das forzas do arco parlamentario galego deron no ano 2022 o seu apoio á instalación en Galicia da macrocelulosa que agora proxecta Altri. No marco do debate entre concellos para ver quen podía atraer a instalación da planta, PP,PSdG e BNG aprobaban mediante unha Proposición Non de Lei instar á Xunta a dar prioridade ao proceso de deseño da fábrica de fibras téxtiles e que esta debía instalarse na provincia de Lugo coma aposta económica, laboral e estratéxica. A proposta non só defendía a instalación da celulosa en Galicia, se non que o facía a través da utilización dos fondos Next Generation mencionados.

As diferentes alcaldías da comarca da Mariña defenderon durante meses a ubicación do proxecto na zona. Finalmente, tras comunicar Altri que a factoría se proxectaba en Palas de Rei, concellos gobernados polo PSdG chegaron a anunciar mobilizacións en contra de que a celulosa non se instalase na costa lucense.

Ao longo de 2023 algúns colectivos sociais comezaron a solicitar información e airear dúbidas a cerca do volume do uso de auga que precisaría a fábrica de fibras e celulosa. Tanto a Xunta de Galicia coma Industria tentaron desde o inicio combater estes cuestionamentos, cunha defensa pública constante do proxecto. Especial mención ten a defensa da celulosa en boca do ex-Ministro José Blanco, xa que é a súa consultora, Acento, que actúa coma lobby a principal madriña de Altri en Galicia.

Foi a comezos de 2024 cando se comezaron a ofrecer máis datos a cerca do impacto da factoría no seu posible emprazamento. Datos que supuxeron a oposición da veciñanza á súa construción, así coma dun grande número de colectivos ecoloxistas.

A planta de Altri, para ser exactas Greenfiber-Greenalia, proponse coma unha macrocelulosa que ocuparía unhas dez veces o espazo de ENCE en Pontevedra. A propia Altri emprega en Portugal 70 mil hectáreas de eucaliptos. Obviamente, a instalación dunha celulosa destas características en Galicia pode facer prever un empeoramento do problema existente en relación a esta especie arbórea.

Neste sentido, Esquerda Unida maniféstase en contra da extensión das plantacións de eucaliptos e recalca a necesidade de ordenar o monte galego, favorecendo a recuperación de especies autóctonas e traballando para mitigar as progresivas vagas de lumes.

Cabe lembrar que pese aos continuos anuncios da Xunta nos últimos anos sobre frear e mesmo prohibir máis plantacións, a realidade é que na última década e segundo o Consello da Cultura Galega, as plantacións desta árbore medraron en 53 mil hectáreas de terreo.

Por outra parte, o consumo de auga para a factoría en Palas de Rei se estima en 46 millóns de litros diarios. Unha contía que se tomaría íntegra do encoro de Portodemouros, en augas do río Ulla. Este inxente volume retirado tería un impacto obvio nun entorno natural cun 90% de especies autóctonas e declarado Reserva Natural. Nun contexto ademais de crecente seca.

Non obstante, a parte máis negativa atópase na devolución desas augas tras o seu uso. A produción faría que só se devolvesen 30 dos 46 millóns de litros diarios, segundo a información publicada, pero ademais cunha temperatura superior. Ese incremento da temperatura suporía non só un impacto directo no ecosistema do río, se non tamén da ría de Arousa.

Esquerda Unida entende que non se pode amparar este impacto nos termos nos que se ten presentado pola empresa, xa que poría en perigo tanto o medio natural, coma os sectores gandeiros e marisqueiros.

Estaría por ver o impacto da produción de contaminantes acuáticos e aéreos, xa en cuestión no caso de Ence, que poderían supor evidentes problemas engadidos. Con estes datos, semella que a etiqueta de produto verde ou ecolóxico sería unicamente unha mera estratexia de venda.

Un dos elementos defendidos por centrais sindicais e gobernos locais é a creación de emprego. Non existe unha estimación fixa, pero a información ofrecida nas últimas semanas fala duns 200 postos de traballo. De confirmarse esa cifra, significarían unha cantidade ínfima en comparación coa actividade laboral en risco. Por poñer un exemplo, só en Vilagarcía de Arousa e O Grove traballan máis de 1.100 mariscadoras. Pero ademais significaría uns 200 postos de traballo moi caros, dado que o investimento previsto de fondos públicos calcúlase en 200 millóns de euros.

Coa información actual, Esquerda Unida só pode rexeitar a instalación deste proxecto. Por unha banda polo perigo ecolóxico e social: o evidente impacto na auga dispoñible, a incidencia na eucaliptización, a afectación do medio natural e o posible impacto na saúde. E por outra banda polo seu impacto económico, tanto pola destrución de sector primario que pode significar, como pola vampiración de fondos públicos unha vez máis por parte de empresas privadas.

Por último, cabe reflexionar sobre a sobreprodución dalgúns bens de consumo, coma parte do propio sistema capitalista. O sistema trata de vendernos unha produción verde que non é tal. O consumo de roupa rápida, de baixa calidade ten un dobre sentido: manter entretida a unha clase traballadora cada vez máis empobrecida e continuar enriquecendo o peto das multinacionais téxtiles.

Para Esquerda Unida, a necesidade de reindustrializar Galicia e do conxunto do Estado pasa polo deseño público de sectores estratéxicos para o país, que signifiquen un verdadeiro retorno social do producido e minimicen o impacto ambiental ao imprescindible.

 

Compostela, 10 de abril de 2024

Relacionados