Pouca preocupación pola nosa saúde

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que o PP impediu tan sequera debater a moción para declarar A Coruña como zona libre de transxénicos, proudtos que entrañan riscos para a saúde, medio ambiente e  biodiversidade, ademais de poñer en perigo a nosa soberanía alimentaria.

 

A devandita declaración é un acto simbólico de rexeitamento aos transxénicos e aínda que a nosa cidade non é produtora agrícola, si que é consumidora, deste modo seguiríamos os pasos doutros municipios galegos como Santiago de Compostela, O Grove, Zas, Laxe ou Cabana de Bergantiños.

 

Esquerda Unida lamenta a pouca preocupación pola saúde dos coruñeses amosada polo Goberno municipal. Ao igual que no conxunto dos europeos, a maioría da poboación oponse aos alimentos transxénicos. Os Coruñeses temos dereito a saber o que consumimos e a decidir sobre elo, porque os transxénicos ademais das dúbidas sobre os seu efectos na saúde, caracterízanse por ser plantas tolerantes aos agrotóxicos o que permite aos labregos usalos en grandes cantidades prexudicando a nosa saúde.


Por outra banda, o mercado transxénico apóiase na obtención de patentes e no cobro de dereitos sobre a utilización das sementes. Está en xogo nada menos co control da agricultura e a alimentación nunhas poucas mans. Esiximos o dereito a Soberanía Alimentaria, entendendo como tal o dereito a elixir sobre que tipo de alimentación queremos consumir, quen a vai producir, como e onde se vai cultivar e na elección das políticas agrarias que nos afectan como Pobo. A soberanía e a nosa seguridade alimentaria dependen da nosa biodiversidade e da riqueza dos nosos pobos coma consecuencia da sabedoría e os coñecementos transmitidos de xeracións en xeracións.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “é unha magoa que A Coruña non poida liderar na Galiza a loita contra os cultivos de transxénicos e que o grupo municipal do PP impedise situarnos ao nivel de Santiago, que xa se ten declarada zona libre de transxénicos. Necesitamos enfoques agrícolas sostíbeis, é hora de que gobernantes e especialistas desenvolvan políticas e tecnoloxías compatíbeis coa protección do medio ambiente e a soberanía alimentaria”.

Relacionados