Praza Sartaña

 

A  Voceira do Grupo, Yolanda Díaz, lembra os diferentes acordos acadados a instancia  de  Esquerda Unida para facer efectiva a reurbanización da Praza de Sartaña. O acordo de goberno no verán de 2007 e logo o acordo orzamentario de maio de 2009  seguen aínda sen verse feitos realidade no que atinxe a Sartaña.

 

De resultas da falla de cumprimento dos seus compromisos polo Goberno Municipal  xorde unha enésima iniciativa de Esquerda Unida para  atender á reurbanización da Praza de Sartaña. Diante das posibles actuacións a desenvolver ao abeiro dos fondos FEIL 2010, o noso Grupo Municipal propuxo incluír a reurbanización da Praza de Sartaña  no conxunto de actuación contempladas, proposta que o Goberno Municipal aceptou.

 

Logo a marcha atrás do Goberno  deixa en evidencia o desinterese do actual Goberno Municipal para resolver unha cuestión senlleira para a cidade como é o tema de Sartaña, cuestión que é central para o noso Grupo Municipal. Cuestión que  xa ocupou un espazo notable nas mobilizacións cidadás que no anterior mandato derrotaron as políticas urbanísticas da dereita e permitiron a conformación dun Pleno con maioría das forzas progresistas e de esquerda.

 

Semella esgotador o catálogo de declaracións feitas polo  Goberno Municipal e polo propio Alcalde nos que anunciaba a súa vontade de arranxar Sartaña concordando co sentir da cidadanía xa dende os tempos da precampaña electoral das municipais 2007. O alcalde indicaba que sería unha das súas 75 primeiras accións de Goberno, evitando facer a política da avestruz.

 

Na reunión que mantivera coa veciñanza de Sartaña, en abril de 2007, o futuro alcalde avanzara o seu compromiso  tanto para evitar a construción da piscina na  praza canto a súa determinación de facer realidade a reurbanización da  praza para facela un verdadeiro punto de encontro  para a cidadanía. Amosárase, entón, favorable a redefinir os usos de maneira consensuada coa veciñanza e a aprobar actuacións de mellora na contorna da praza.

   

O certo é que alén das declaracións en campaña e logo dela, nada fixo este Goberno pola reurbanización da praza e, xa que logo, para facer efectivas as arelas da veciñanza que leva anos traballando para conquerir que a Praza de Sartaña sexa un espazo para a vida e o encontro da cidadanía, con espazos que permitan acoller as diferentes persoas que a vaian a disfrutar, dende os nenos e nenas até os maiores.

 

Neste recordatorio crítico , Esquerda Unida quere  lembrar tamén a moción aprobado polo Pleno do concello de Ferrol en outubro de 2009 para conquerir  tanto a desestimación definitiva do proxecto de construción do centro deportivo  previsto no mandato pasado, canto a redación e licitación  dun proxecto de urbanización da área interior da praza, que presentara o BNG e que fora aprobado co noso apoio e o do propio Goberno.

 

Logo de tantos acordos incumpridos e de declaracións de intencións baleiras , Esquerda Unida reclama a fin das dilacións, da parálise e o estrito e rápido cumprimento dun proxecto que para nós ten a condición de fundamental.

Relacionados