Galicia en Común-Anova Mareas trasladou á Xunta de Galicia a aplicación dunha estratexia política de apoio e defensa das 80.000 familias galegas que viven do sector primario.
Para elo presenta unha serie de propostas que afectan a máis de 44.000 familias do sector agrogandeiro como é a elaboración dun plan específico de apoio ao sector agrícola e gandeiro que contemple o apoio económico directo e liñas de crédito a interese cero.
A apertura de mercados de proximidade, a autorización de desprazamentos a hortos e currais de autoabastecemento de alimentos sen límite de distancia.
Priorización na compra dende o público para abastecer comedores de hospitais, residencias de maiores, etc) de productos locais, pequenas granxas, agroecolóxicos, en definitiva daqueles sectores que resultaron máis perxudicados polo peche da hostelería.
En canto ao sector do mar, require tamén da adopción urxente de medidas encamiñadas en primeiro lugar á protección da saúde das e dos traballadores mediante equipos de protección individual (EPI) tanto nas embarcacións como nas lonxas así como a aplicación destas medidas tamén nas traballadoras da conserva.
Declaración de peche de actividade de marisqueo e recursos específicos para que as traballadoras poidan acollerse ás prestacións, xa que estes produtos na súa maior parte teñen como destino a hostalería.
Tamén Galicia en Común-Anova Mareas, propón a retira de especies cando non se rexistren prezos mínimos, utilizándoas para o consumo interno en comedores de hospitais, residencias, etc.
Estas son algunhas das medidas propostas dende Galicia en Común-Anova Mareas co obxecto de paliar a situación actual que a crise do Covid-19 está a provocar nos sectores produtivos do país.
Descarga os documentos
Propostas_Agricultura_e_Gandería_Galicia_en_Común_Anova_Mareas