Querela arxentina

Esquerda Unida solicita as institucións que presten o seu apoio para que as ordes de extradición sobre torturadores sexan executadas. Cada día que transcorre sen que se executen, a podremia moral infecta con algo máis de impunidade a este país. Nas vésperas da celebración da Constitución, o Estado español declarou no Comité de Desaparicións Forzadas das Nacións Unidas a súa determinación de non pór fin a impunidade deses crimes mediante a abrogación da lei de amnistía do ano 1977. O réxime denega de facto o convenio do 2010 asinado polo Estado. Faino cunha lei 46/1977 que extinguía as responsabilidades penais dos actos de intencionalidade política, pero que non o pode facer sobre aqueles que son pola súa natureza imprescritibles, os crimes contra a humanidade.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “se prescindimos do dereito internacional e da moralidade xamais acadaremos a xustiza e perderemos o atributo de Estado de Dereito. Os últimos informes da sección española de Amnistía Internacional son concluíntes na impunidade que preside aos crimes do franquismo e as institucións deberían de mostrar o seu apoio ao cumprimento da legalidade internacional.”

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción de apoio a querela arxentina contra os crimes da ditadura, cuxa parte resolutiva é a seguinte:

1. O Pleno do concello da Coruña expresa o seu apoio á querela presentada na República Arxentina por familiares de vítimas do franquismo.

2. O Pleno do concello da Coruña demanda do goberno central a máxima celeridade e dilixencia para cumprimentar a demanda de extradición formulada pola xustiza arxentina respecto de coñecidos torturadores da ditadura.

3. O Pleno do concello da Coruña reclama da Xunta de Galicia o desenvolvemento das actuacións políticas axeitadas, co seu correlato orzamentario, para desenvolver un programa de actuacións en materia de recuperación da memoria histórica, en particular a aprobación dunha lei que recoñeza e repare ás vítimas galegas da ditadura franquista.

4. O Pleno do concello da Coruña acorda demandar do goberno central un impulso, coa súa correspondente dotación orzamentaria, ás actividades vencelladas coa recuperación da memoria histórica.

5. O Pleno do concello da Coruña acorda comunicar este acordo á Comisión da Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, á Rede Cidadá de Apoio á Querela Arxentina contra os crimes do franquismo, á Xunta e Parlamento de Galicia e ao Congreso dos Deputados e  goberno central.

Relacionados