Ramón Vázquez viaxa a Bruselas para investigar o emprego de fondos públicos europeos por parte da Xunta de Galicia en Rozas

O deputado de AGE e membro da dirección de Esquerda Unida, Ramón Vázquez, convidado pola GUE/NGL, viaxa hoxe a Bruxelas, co fin deentregar a solicitude e a documentación á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para que investigue o emprego de fondos europeos por parte da Xunta de Galicia na instalación do Ministerio de Defensa de Rozas (Castro de Rei). Nesta visita, o deputado tamén aproveitará para asistir á Xornada Anti-OTAN “There is an alternative – no to Nato”.

Recentemente, o grupo AGE, xunto co eurodeputado Javier Couso, visitara as instalacións do aeródromo de Rozas para tratar de despexar as dúbidas sobre o carácter civil ou militar do mesmo. Durante a visita, recoñeceuse a realización de probas con drons militares, ao tempo que se admitiu igualmente que se trata dunhas instalacións de titularidade do Ministerio de Defensa para uso civil.

Neste senso, Ramón Vázquez defende “a necesidade de clarexar todo o relativo ao posible conflito de intereses na contratación das empresas implicadas, así como o uso de fondos europeos para que a Comisión europea investigue os feitos e determine o que acontece en Rozas co emprego de ditos fondos”.

Relacionados