Recortes en colexios públicos

 

Segundo o Partido Popular os orzamentos das administracións públicas en xeral e o do Concello da Coruña en particular eran os orzamentos do “malgasto”, así anunciaban que mediante o aforro dos cartos que se estaban a gastar superfluamente, se podería investir en emprego, educación e dotacións para os barrios da cidade.

 

Pero ese era so o discurso. Agora o PP xa non está na oposición, está no Goberno e podemos medir a súa actuación política polos feitos. E os feitos son claros. O Goberno municipal está a aforrar en investimentos en educación, como o demostra o feito de que as partidas correspondentes ao código económico 63201 “obras de reposición nos colexios públicos” recortase nun 52% pasando de 959.751 a 456.211.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes alerta que as partidas correspondentes a obras de reposición en colexios públicos recórtanse a metade, pese as reiteradas denuncias feitas por diversas ANPAS e recollidas polo noso grupo, en canto ao deficiente estado de conservación de moitas das instalacións da ensinanza pública nesta cidade.

 

Non é coherente que dado o mal estado dos colexios, as partidas destinadas a conservación diminúan en lugar de incrementarse. A rede de ensino público é o único garante que ten a sociedade para asegurar a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento económico da nosa cidade nas próximas décadas. Por iso, Esquerda Unida denuncia que o Goberno municipal ataca á igualdade de oportunidades, recortando as partidas que a favorecen para incrementar outras que non supoñen ningún beneficio para a sociedade como por exemplo as destinadas a propaganda.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno municipal segue a estela de Esperanza Aguirre e Dolores de Cospedal, no seu ataque á educación pública”.

 

Relacionados