Recortes en ensino

Esquerda Unida denuncia o recorte municipal de 1,1 millón de euros en educación. Tal e como amosa a conta Xeral, nos programas 320 a 324, relativos á educación, pasouse dunha inversión de 7 millóns en 2010 aos 5,9 de 2013. Víronse especialmente afectados os programas de promoción educativa cun 77% de recorte o que supón 344.000 euros menos en dotación e Educación preescolar e primaria cun recorte do 13% o que supón 541.000 euros.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes reclama ao goberno municipal que asuma as súas responsabilidades en educación. Os entes locais xogan un papel fundamental no mantemento dos centros públicos de ensino. Un mantemento claramente defectuoso na Coruña como denuncian múltiples AMPAS. Aínda que Negreira rexeite a súa responsabilidade, o concello ten obrigación, por lei, de facerse cargo da conservación, mantemento e vixiancia dos colexios públicos de infantil, primaria e educación especial do seu termo municipal. Pero tamén de ofrecer actividades extraescolares, servizos complementarios ou educación de adultos e a xestión das escolas infantís para menores de tres anos.

O goberno local inverte na educación das nosas fillas e fillos, un 16% menos que a inversión media estatal e un 68% menos que a media dos concellos Navarros e Cataláns. Calculamos que A Coruña ten unha inversión municipal de 365 euros por alumno mentres que a media estatal se sitúa nos 437 € e en comunidades como Navarra e Cataluña superaríanse de media os 880 €, tal e como amosa o documento elaborado polo gabinete de estudios de CCOO.

O voceiro do grupo municipal de EU-V, César Santiso, indicou “nas economías desenvolvidas aumenta a inversión pública en ensino mentres na Coruña descende, o que demostra que Negreira nos quere ignorantes. de feito, as medidas de recortes en educación do PP, tanto polo goberno local como autonómico, como as medidas incorporadas na LOMCE, promoven a desigualdade económica dificultando o acceso ao ensino dos fillos e fillas das familias traballadoras, así como a privatización dos centros educativos, para que así, as empresas privadas e os bancos causantes do declive económico do país, entren a explotar o sistema educativo como novo nicho de mercado. Este proceso tamén se dá nas universidades públicas, onde nos dous últimos anos o prezo final de matrícula encareceuse un 66% de media no conxunto do Estado”.

Relacionados