Reforma administración local

Segundo o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, o propósito último desta norma non é outro que “afastar o poder dos cidadáns para se converter nun poder totalitario”. O seu grupo parlamentario vén de presentar unha proposición non del (pnl, no documento anexo) para instar á Xunta á que presente un recurso de inconstitucionalidade ao proxecto do Goberno de Mariano Rajoy. Esta mañá Beiras e a viceportavoz de AGE Yolanda Díaz presentaron a iniciativa nunha rolda de prensa no Parlamento de Galicia.

“Estamos diante dun dos debates máis importantes para a configuración territorial do Estado”, sinalou Díaz, “e o PP pretende dar un golpe de Estado pola porta de atrás, como xa fixera coa reforma do artigo 135 da Constitución sobre o déficit público”. Os avances publicamente coñecidos do proxecto de lei indican que as intencións da dereita inclúen potenciar as deputacións, “converter os concellos en pouco máis ca nun rexistro oficial” –en palabras de Díaz- e unha aposta radical pola privatización dos servizos públicos. “Ademais, hai un proceso brutal contra a intervención pública en economía”, engade a viceportavoz, “que encaixa con esa estratexia de facer pasar aos cidadáns por causantes da crise”.

 

Para Alternativa Galega de Esquerda (AGE), o proxecto do Goberno de Madrid é “un ataque recentralizador que pon en cuestión o título VIII da Constitución”, e así o argumenta no texto da pnl. “Dentro deste proceso contrarrevolucionario que dirixe o Señor dos Hilillos en conivencia co señor Núñez, agora empeza a agresión contra a autonomía da Administración local, e procuran eliminar algo que está no Estatuto, como son as bisbarras e as freguesías ou parroquias”, denunciou Beiras, “buscan arrasar con todas as conquistas do antifranquismo e instaurar un neototalitarismo de facto”.

Relacionados