Remunipalización Emafesa

 

A representante de EU no Consello de Administración, Yolanda Díaz, vén manifestando nas  reunións a nosa frontal oposición ás subas de auga reclamadas pola parte privada e incluso polo Goberno Municipal, asemade de opoñernos a incrementar as achegas de cartos públicos municipais para cadrar as contas da sociedade.

 

A nosa organización presenta diante da veciñanza ferrolá a nosa proposta  clave neste eido, consistente en remunicipalizar o servizo, consonte se está a facer en numerosas cidades e vilas de Europa e o do mundo, tralo fiasco da xestión privada deste servizo. Xestión privada que está a aparellar  subas importantes das tarifas ( para facer fronte os canons e os beneficios privados),  a falla de persoal nas plantillas e os problemas laborais, xunto coa imposibilidade de afondar no control democrático e na participación cidadá.

 

O auga é un dereito humano inalienable e, xa que logo, debe quedar ao marxe dos procesos privatizadores, que ademáis saldáronse con importantes subas nos recibos e empeoramento xeral da prestación do servizo, cun importante déficit de investimentos para o mantemento e mellora da rede.

 

Esquerda Unida aposta pola efectiva garantía  do servizo universal. A condición de pública da empresa vai supor que baixo ningún concepto se producirá a desconexión da rede dos fogares privados. Trátase de asegurar o igual acceso ao auga con independencia da situación social e económica do fogar, xunto coa penalización do uso irresponsable dun ben público e social.

 

O noso Grupo sabe do valor de implementar as políticas da democracia participativa en todos os eidos da vida municipal e coidamos que a remunicipalización vai permitir un meirande control democrático da empresa  e a aplicación de medidas que garantan a presenza e participación cidadá nas decisións sobre o servizo.

 

O Grupo Municipal de EU afirma tamén o valor da remunicipalización no que atinxe a garantir unhas boas condicións laborais. Os traballadores e traballadoras con boas condicións son o máis seguro elemento para unha óptima prestación do servizo. A remunicipalización vai supor integrar de maneira plena os e as traballadoras na planificación  para desenvolver os servizos.

 

Son lexión as cidades e vilas que Europa adinate están a remunicipalizar  o  servizo: París, Grenoble, Neufchâteau entre outras moitas en Francia; Viena, Munich, Amsterdam ou Atlanta son outras das grandes cidades que optaron por escoller a xestión pública do servizo. No noso Estado, Córdoba amosa dun xeito exemplar o modelo de empresa municipal pública, aberta a participación cidadá, rexida con criterios sociais e de sustentabilidade; amosa, en resumo, o futuro cando se constrúe atendendo ao interese xeral da cidadanía.

Relacionados