Rendas para o engorde dos ricos

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través da viceportavoz Yolanda Díaz, denunciou esta tarde no debate de totalidade dos Orzamentos para 2014 que a estratexia económica do Partido Popular se resume nun transvase das rendas salariais e do traballo á rendas do capital “para engordar aínda máis os ricos”. Os exemplos que apoian tal afirmación son múltiples e Díaz mencionou algúns: “Vostedes baixan un imposto directo, o IRPF, e soben un imposto indirecto regresivo, como é o denominado céntimo sanitario, polo que ademais a Xunta pode ser condenada por Europa”.

Pero antes, a viceportavoz de AGE impugnou duramente o marco normativo e ideolóxico en que se encadra o proxecto de contas para 2014 da Xunta de Núñez Feijóo –que apenas se deixou ver no pleno. “Vostedes outorgan prioridade absoluta ao pagamento da débeda, e sacrifican o pobo galego a ese pagamento”, criticou Díaz, “e ratifican o diagnóstico de que os banqueiros se apropiaron do proceso político a través dos ingresos públicos e mais dos orzamentos públicos”. E engadiu unha aseveración realista: “O señor Feijóo asegurou que non quería ‘homes de negro’ en Galicia, pero a verdade é que os ‘homes de negro’ xa están en San Caetano e seguen as políticas criminais que ditan os poderes financeiros”. Na defensa das emendas que modifican a contía global dos Orzamentos ou transfiren créditos entre seccións (nos documentos anexos), Yolanda Díaz tamén asegurou que Galiza continúa no “bucle recesivo. Como moito, entrou no estancamento”.

Para Alternativa Galega de Esquerda, as contas de Feijóo para 2014 colaboran na destrución masiva de emprego. “Os números do desemprego son groseiros”, expuxo Díaz, “pero fan parte da súa estratexia, ter milleiros de persoas no paro para poderen baixar os salarios”. A viceportavoz de AGE tampouco esqueceu o incremento da Risga que recollen os Orzamentos. “Por que modelo social apostan?”, inquiriu, “porque está moi ben que aumenten a Risga, pero ao tempo meten o machado nas polítticas activas de emprego”.

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) propón, para elaborar unhas contas menos lesivas para as maiorías sociais, un incremento no teito de gasto non financeiro de 250 millóns de euros –amparado na flexibilidade legal- e máis unha relación de medidas fiscais para recadalos, “o que suporía unha importante suavización nos recortes e nos gastos non financeiros en sanidade, educación, servizos sociais e emprego”. Entre as medidas fiscais defendidas pola emenda de AGE (detalladas nun dos documentos anexos) e explicadas por Yolanda Díaz atópase un incremento impositivo nos tramos máis altos da tarifa autonómica do IRPF; o mantemento do imposto de patrimonio con carácter permanente; un imposto sobre as grandes superficies comerciais ou sobre os pisos baleiros; ou un plan de loita contra a fraude fiscal.

O Partido Popular negouse a aprobar ningunha das propostas de Alternativa nin dos outros grupos da oposición.

Relacionados