Resolucións de AGE ao debate do estado

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) rexistrou esta mañá ás súas propostas de resolución no debate do estado da nación. Nelas, o grupo parlamentar vertebra a súa alternativa ao Goberno do Partido Popular e ás súas políticas austericidas e agresoras coa cidadanía do común. As propostas céntranse nos problemas reais dos cidadáns e atópanse lonxe das accións de maquillaxe e das medidas publicistas anunciadas polo señor Núñez no seu discurso de onte. O voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, e a vicevoceira, Yolanda Díaz, acompañados polos deputados do grupo parlamentar, salientaron en rolda de prensa que as propostas de Alternativa recollen medidas orientadas a resolver os problemas da cidadanía e a rematar coas agresións da Xunta.

Yolanda Díaz encargouse de presentar as liñas fundamentais nas que se centran as propostas. Entre outras, a suspensión da taxa anunciada pola Xunta para os hidrocarburos -o chamado céntimo sanitario-, xa se tratase dunha  “indecencia gravar a cidadanía con impostos indirectos”. Ou evitar a liquidación final do sistema financeiro galego, que se pretende consumar coa venda de Novagaliciabanco. AGE esixe a paralización desta operación e a construción dunha banca pública a partir do mesmo. Tamén se inclúe unha serie de iniciativas en defensa dos distintos sectores industriais, con especial referencia ao naval para o que Alternativa esixe o prometido dique flotante e carga de traballo urxente. Díaz destacou que é preciso mudar de xeito radical a política económica do noso país e deixar de encher o territorio de polígonos industriais, moitos deles baleiros. Nese senso, AGE tamén defende un cambio na política de protección do patrimonio ambiental que evite a ocupación de solo rural e protexido por novos polígonos industriais. O grupo solicita, ademais, unha auditoría da débeda pública para que se explique en que se investiu e así saber a que servizos públicos foron parar os da débeda actual.

Alternativa propón a creación dunha renda básica universal contra o drama que están a padecer milleiros de familias por debaixo do limiar da pobreza. A mudanza do modelo de relacións laborais ou a elaboración dun plan estratéxico de emprego que abranga todos os sectores e inclúan apostas novas como o emprego verde é outra das propostas de resolución rexistrada. No plano medioambiental, AGE presentou diversas iniciativas nas que se pide, por caso, pular por un sistema de incineración de residuos distinto ao de Sogama; avanzar na redución das emisións das centrais térmicas de Meirama e As Pontes; loitar por unha Galiza libre de fracking; apostar por outro ferrocarril más aló do da alta velocidade ou acabar coa estafa das grandes eléctricas no noso país.

O da AP-9; a derrogación do denominado Decreto do plurilingüismo; o reintegro dos aforros no roubo das preferentes ou do calote estatal aos pensionistas emigrados; a esixencia de cese dos ataques aos empregados públicos; os desafiuzamentos con medidas concretas de vivenda; iniciativas para loitar contra corrupción; rematar co sistema especial de tributación da Igrexa católica; a retirada paulatina dos concertos con centros educativos privados; a retirada do decreto dos comedores; a retirada do repago farmacéutico nos hospitais; a derrogación do decreto que vincula a sanidade á condición de asegurado; a parálise do proceso de privatización que está a levar a cabo pola porta de atrás o PP; a defensa da flota pesqueira galega; avanzar cara á soberanía alimentaria de Galicia; a inclusión no Código penal da apoloxía do franquismo coma delito; a defensa da muller coa apertura dos COF e a defensa dos seus dereitos sexuais e reprodutivos; a apertura dunha comisión de investigación para determinar as causas e responsabilidades no accidente de Angrois son outros dos temas incluídos nas propostas de resolución presentadas polo grupo parlamentar de AGE.

Relacionados