Responsabilidade na morte de traballadores contraincendios

 

Dende Esquerda Unida queremos expresar a nosa solidariedade coas familias e compañeiras e compañeiros dos falecidos en tan terrible accidente laboral.

 

EU considera que esta triste nova non é un feito fortuíto debido exclusivamente a condicións meteorolóxicas, senón que se debe, en parte, a política temeraria que a Xunta de Galicia está a desenvolver na contratación e xestión de persoal de extinción de incendios.

 

Esquerda Unida denuncia que a Xunta modificou perniciosamente este ano o sistema de contratación minimizando a experiencia do persoal a favor dunha proba física que en ningún caso é representativa do servizo que se vai a realizar.

 

Semella que a Xunta de Galicia, alegando que o anterior sistema estaba viciado, pretendeu facer unha criba no persoal contra incendios a costa da seguridade da cidadanía galega, ao valorar 50 veces menos a experiencia mensual na loita contra incendios que unha proba física baseada en camiñar 4 Km. cunha mochila de 11 Kg. a costas nun tempo máximo de 24 minutos.

 

 

Esquerda Unida considera que as escasas 16 horas de formación en aulas masificadas de entre 50 e 60 traballadoras e traballadores non son suficientes para este perigoso traballo, máis cando o persoal carece da experiencia necesaria nunha labor tan arriscada como é a extinción de incendios.

 

O Goberno do PP amosa unha vez máis a súa ineptitude e irresponsabilidade cando obriga a desenvolver labores de extinción de incendios, propias de bombeiros forestais profesionais, a traballadores cunha baixa cualificación laboral e escasa formación, cos riscos para a súa saúde e a seguridade da cidadanía en xeral. Feito demostrable nos contratos do SEAGA onde figura unha categoría laboral de peón forestal.

 

Por outra banda, resulta lamentable que o Goberno da Xunta tente desviar a atención pública nun claro intento de evadir as súas responsabilidades, como así o fixo na rolda de prensa desenvolvida en Pontevedra polos concelleiros de Presidencia, Alfonso Rueda, e de Medio Rural, Samuel Juárez onde se limitaron a comunicar que o incendio foi intencionado e que “a única loita contra o fogo é contra os incendiarios”.

 

Para Esquerda Unida o feito de que o incendio fora intencionado non pode servir como escusa perante a morte destes traballadores. Cada ano hai incendios forestais provocados na Galiza e non por iso imos aturar que morran os traballadores e traballadoras adicados as tarefas de extinción de incendios.

Relacionados