Retirada do céntimo sanitario

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixe a retirada inmediata do denominado “céntimo sanitario”, unha taxa indirecta aplicada sobre os carburantes –destinada, en teoría, a financiar a sanidade pública- e que os Orzamentos da Xunta de Feijóo para 2014 pretenden elevar. Esta mañá, o Tribunal e Xustiza da Unión Europea acusou a medida de vulnerar a lexislación comunitaria. Para AGE, porén, o principal problema do céntimo sanitario é o seu carácter de imposto indirecto, que grava por igual a todos os cidadáns con independencia do seu nivel de renda.

“O Goberno do Partido Popular, en cada unha das súas políticas e especialmente na política fiscal, demostra para quen goberna e como o fai”, asegura a viceportavoz de AGE Yolanda Díaz, “quita os cartos das clases traballadoras para llo entregar ás clases altas. Para iso tamén emprega unha política fiscal absolutamente reaccionaria, que grava os pobres e deixa ir os ricos”. Logo de reducir, nos seus cinco anos de goberno, as partidas destinadas á sanidade pública en nada menos que 370 millóns de euros e atacar por todos os medios esete dereito básico, o señor Núñez quere aumentar a taxa sobre os carburantes ao tempo que non toca a fiscalidade das rendas altas. “O que debe facer a Xunta é retirar ese céntimo sanitario e dar a volta á súa política fiscal”, reclama Díaz, “ademais de blindar por lei o dereito a unha sanidade pública gratuíta e universal, unha conquista das traballadoras que custou moitas loitas”.

Relacionados