Ron defende o dereito á liberdade de expresión en A Coruña

Esta mañá Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e deputado de AGE, desprazouse ata a subdelegación do Goberno de A Coruña co fin de manifestar todo o seu apoio ao compañeiro e incansable loitador Nicanor Acosta, de 76 anos, Republicano de Honra de 2015, que será xulgado o vindeiro día 7 e 8 de marzo por exercer o dereito básico de cidadanía a “reivindicar os dereitos”.

“Estamos nun contexto represivo que tenta silenciar as xustas voces da cidadanía. As leis impostas polo PP tentan acalar as reivindicacións para ter unha cidadanía silenciada ou amedrentada, por iso perseguen as persoas máis reivindicativas, aos activistas ou aos migrantes”, di Ron. “Por iso denunciamos que basta xa deste clima de represión. Neste sentido, para nós é unha decepción que no documento asinado entre PSOE e Ciudadanos non figura nada sobre os dereitos básicos que se incumpren día a día”, indica.

Pola súa banda, Nicanor Acosta recordou que o que lle preocupa é “a represión actual contra os colectivos e a cidadanía” que se pode mostrar de diferentes maneiras. “En relación ás preferentes, perto de 120.000 galegos e galegas foron roubados, e finalmente, a moitos lles devolveran o diñeiro porque saímos á rúa durante tres anos a berrar polos nosos dereitos”, di.

O avogado de Nicanor Acosta, Antonio Vázquez, sinalou que “a política represiva que practican as forzas do poder a persoas dos movementos sociais non supón sancións relevantes, pero si son conductas para xulgar infraccións que non son verdadeiras. Con Nicanor xa se demostrou, co xuízo de Aurelia, que as imputacións foran falsas. Agora intentaremos que así se repita”, remata.

Dende Esquerda Unida pensamos que Nicanor, en vez de ser xulgado, amosa o camiño da defensa dos dereitos fundamentais e, por ende, o verdadeiro reto dunha cidadanía crítica que mude as inxustizas.

Nesta concentración tamén participaron membros da Asociación de Afectados por Preferentes e Subordinadas (AFEPRESCO), compañeiros e compañeiras de Nicanor Acosta, así como todas as persoas de diferentes movementos sociais, tales como o Foro Galego de Inmigración a Asociación a favor da Sanidade Pública ou Stop Desafiuzamentos.

Relacionados