Xabier Ron: “Estamos ante unha nova violación dun dereito internacional por parte de Marrocos”

Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e ex deputado de AGE, trasladou está mañá en rolda de prensa a súa preocupación respecto á vulneración constante dos dereitos do pobo saharauí por parte do Reino de Marrocos. Un novo exemplo diso sería a incorporación de Dajla á Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas, “unha manobra destinada a xustificar a ocupación dos territorios que pertencen, de forma soberana, ao pobo saharauí, tal e como se recoñece na resolución da ONU”.

Neste senso, “dende Esquerda Unida esiximos que a Conferencia de Rexións Marítimas e Periféricas, que terá lugar do 2 ao 4 de novembro de 2016, impida  que Marrocos use localidades significativas dos territorios ocupados, tal como son o Aaiún e Dajla, como expoñente das características do propio Marrocos, por ser isto a violación dun dereito internacional”, explica, e critica este feito como “unha manobra destinada a xustificar a ocupación dos territorios que pertencen, de forma soberana, tal como recoñecen as resolucións da ONU ao pobo saharauí”.

A Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) é unha organización establecida en 1973, da que forma parte Galicia e boa parte do Estado Español e Europa, e dirixe a súa acción para garantir as necesidades e intereses das Rexións dos seus membros e esfórzase por asegurar a política rexional específica da UE a todas as rexións de Europa e dunha política marítima integrada cuxo obxectivo é contribuír ao crecemento económico en Europa.

O Reino de Marrocos, en aras das políticas de vecindade e asociación, forma parte da Comisión Intermediterránea desta conferencia, non entanto, propuxo en 2014 a incorporación do Aaiún -Saguia o Hamra, capital dos territorios ocupados do Sáhara occidental, como se fose un territorio de soberanía marroquí. Neste 2016 propón que se incorpore Dajla.

Xabier Ron recorda que todas estas demandas serán levadas ata o grupo parlamentario En Marea, “que debe instar á Xunta a actuar conforme aos acordos da Declaración Institucional aprobada por unanimidade na pasada lexislatura na que se recoñece a necesidade de acadar unha solución xusta e definitiva, en defensa do lexítimo dereito do pobo saharauí á súa autodeterminación e, xa que logo, á soberanía sobre os territorios hoxe ocupados polo Reino de Marrocos”.

Dende Esquerda Unida denunciamos o comportamento de  Marrocos, que segue a vulnerar o dereito internacional, unha vez máis, grazas ao silencio cómplice do estado español, potencia administradora, que permite así a ocupación do Sáhara Occidental e a apropiación ilegal e usurpación por parte do Reino de Marrocos dos recursos naturais pertencentes ao pobo saharauí.

Relacionados