Rozas, posible epicentro dunha base militar de drons da OTAN

Dentro dun marco de relacións internacionais caracterizado polo incremento dos conflitos bélicos dirixidos a garantir o mantemento da hexemonía do sistema capitalista, este venres asistimos a un complexo panorama que Javier Couso, Eurodeputado de Izquierda Unida; Ramón Vázquez Díaz, deputado de Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento de Galicia; Roberto Montoya, xornalista especializado en conflitos internacionais e Laura Pérez Rastrilla, investigadora especialista en Propaganda de Guerra, debuxaron en Compostela.

Para Javier Couso, eurodeputado de Izquierda Unida, “nos últimos anos, a supremacía de Estados Unidos é moi perigosa, así como a paranoia deste país coa rusofobia e o belicismo. O marco imposto por Estados Unidos colócanos na punta de lanza contra Rusia,  cun despregue de bases militares por todo o Estado. No entanto, Europa non aguantaría nin 30 días si Rusia cortase o acceso ao gas”, reflexiona.

Os casos de Iraq, Ucraína, Libia e Siria non son mais que unha mostra do interese por “desestabilizar e intervir en amplas áreas do planeta”, para manter activos os motores das economías do chamado primeiro mundo. Ao mesmo tempo, amparada baixo o paraugas do medo e o terrorismo, “a OTAN asume funcións de control fronteirizo devorando millóns de euros en recursos de vixilancia e control”.

A continuación, Laura Pérez Rastrilla, investigadora especialista en Propaganda de Guerra, falou de que dende 2003 a entrada de barcos no Mediterráneo aumentou dende países como Turquía, Grecia, Italia e España. “Agora o Mediterráneo é unha peza clave para a mobilidade da OTAN. España é un punto clave para EE.UU., o problema é que non sempre coincide cos nosos intereses”. Ademáis, continuaba “a falta de control do uso militar no territorio español e o incremento de efectivos da OTAN en España no actual contexto de incremento da tensión bélica, nos coloca nunha situación de perigo”.

Pola súa banda, Roberto Montoya, xornalista especializado en conflitos internacionais, completou que “os drons militares teñen un papel cada vez máis protagonista nas guerras, aínda que o verdadeiro problema é que hai un ocultamento e unha desinformación moi importante das accións dos drons militares nos conflitos de guerras e das mortes que provocan. Por exemplo, hai exemplos de soldados que teñen un horario normal nun traballo onde poden disparar case sen ter consciencia, a miles quilómetros de distancia de forma tranquila, aínda que parece ciencia-ficción”.

Galicia pode cumprir un papel protagonista do desenvolvemento con fins bélicos desta tecnoloxía, especialmente en Rozas e Trasmiras. No que a Galicia se refire, o Ministerio de Defensa o Goberno Galego estableceu  unha base de Drons no aeródromo de Rozas, na Provincia de Lugo. Para Ramón Vázquez, “o intento do PP de agochar contratos, fondos económicos e certificacións de seguridade da base de drons de Rozas, segue unha estratexia máis de ampliación das áreas de influencia das potencias occidentais na senda da intensificación da política intervencionista dos países integrados na OTAN”.

“Nestas instalacións desenvolveuse o Proxecto Atlante, mediante o que a defensa Española puxo en funcionamento o primeiro dron de fabricación española na actualidade en proceso de artillaxe. A unidade de Elite Grosa, dependente do rexemento de Intelixencia Número 1 do Exército e realizou en Rozas os exercicios preparatorios previos ás manobras Trident Juncture, realizadas en Zaragoza no mes de novembro de 2015”.

“Dous meses despois e a escasos 20 quilómetros do aeródromo de Rozas, leváronse a cabo as manobras das Forzas Conxuntas de moi alta dispoñibilidade da OTAN nas que participaron efectivos de España, Bélxica, Reino Unido, Portugal, Albania e Polonia”. Respecto a esta reflexión, os conferenciantes coincidiron en que estas manobras forman parte da estratexia da OTAN para preparar unha “punta de lanza” capaz de despregarse en breve prazo de tempo en calquera conflito.

Relacionados