Saneamento da ría de Ferrol

 

Javier Galán sinala que “estamos fartos dos xogos de palabras baleiras que non se traducen en compromisos reais”; a complicidade do Goberno Municipal co desleixo das outras administracións públicas ten que se rematar; o alcalde está para protexer os nosos dereitos, non para facerlle o xogo os seus correlixionarios. Esquerda Unida, xa que logo, vai reclamar a comparecencia urxente do responsable gubernamental das actuacións de saneamento na nosa ría.

 

Esquerda Unida vai pedir unha comparecencia urxente, cando nos ministerios se traballa para elaborar os orzamentos do Estado, do Secretario de Estado de Medio Ambiente, Federico Ramos de Armas, de xeito que o responsable de garantir as partidas orzamentarias para o saneamento da ría de Ferrol poida explicar os obxectivos, contías e prazos das obras para sanear a ría.

 

Esquerda Unida  avogará nesa comparecencia polo aceleramento dos prazos para concluír o saneamento da ría na zona norte, dada a situación de extrema gravidade na que se atopa, coas consecuencias coñecidas de perda de riqueza natural e emprego asociado ao sector extractivo e tamén no sector náutico. Cantas oportunidades non perde Ferrol, a súa cidadanía, se contáramos cunha ría saneada na que tamén xogar a carta das actividades náuticas e de lecer.

 

Esquerda Unida formulará esa proposta de adiantamento dos prazos para conquerir facela realidade en 2015, proposta que de non ser asumida de oficio polo Ministerio, terá enfronte unha batería de emendas no trámite orzamentario para tentar conquerir este investimento e a configuración dunha fronte social na nosa comarca para enfrontar de xeito definitivo a problemática do saneamento.

 

“Feitos reais con constancia orzamentaria e non palabras baleiras e mentirosas”, pode ser o resumo que move esta iniciativa de EU segundo as palabras de javier Galán.

Relacionados