Sanxenxo, urbanismo pirata

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) volveu esixir o cesamento ou a dimisión da secretaria xeral de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas, imputada por un delito de prevaricación relacionado con infraccións da legalidade urbanística cando exercía de xerente do Urbanismo do Concello de Sanxenxo. O deputado Antón Sánchez defendeu na comisión 2ª de Ordenación Territorial e Medio Ambiente unha proposición non de lei  para que a Xunta procedese ao cesamento inmediato de Rivas. Pero a negativa do PP e máis do PSdeG impedírono.

“Nun partido en que a corrupción é práctica xeralizada”, expuxo Sánchez, “o cesamento da secretaria xeral de Urbanismo, xa que non a súa dimisión, sería un paso na boa dirección”. A negativa da dereita encarnada polo PP de Núñez Feijóo baseouse en interesadas, oportunistas e chantaxistas invocacións á “presunción de inocencia”. De nada valeu que o parlamentario de AGE esgrimise a política como razón última para esixir a saída de Rivas da Xunta de Galicia. Ao PP non lle gusta a política. Prefire amparar a corrupción –urbanística, financeira- e así o demostra día a día.

Antón Sánchez, que volvera a levar a esixencia de dimisión da secretaria xeral de Urbanismo ao pleno da semana que vén, rematou explicando o modus operandi do PP respecto do urbanismo pirata tan do seu agrado. “O que se fixo en Sanxenxo está aí, á vista de todo o mundo”, explicou, “e o premio a ese urbanismo depredador é o ascenso á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo”. Malia, mesmo, a se atopar imputada xudicialmente.

Relacionados