Sofía Díaz denuncia o proselitismo marroquí na concesión do Premio Mandela da Paz a Mohamed VI

“Resulta indigno que, en pleno século XXI, se poida conceder un Premio da Paz, co nome dun revolucionario africano, ao rei de Marrocos”, denuncia Sofía Díaz, responsable de Políticas Sociais de Esquerda Unida ao ter coñecemento da concesión a Mohamed VI do Premio Mandela da Paz 2016, outorgado polo Instituto Mandela da Universidade de Burdeos, que se define na súa web por ser “un grupo de reflexión para promover a igualdade de oportunidades, favorables á economía de mercado, a solidariedade internacional e a unidade africana”.

“O Instituto Mandela non é máis que un think tank, un grupo de presión que camufla os seus espurios intereses, como as políticas de libre mercado que tanto dano lle fan a África, facendo un uso perverso do simbolismo de Mandela. Aproveitarse do nome de Mandela para conceder un premio a quen promove o Apartheid saharauí, é unha canallada”, destaca.

Segundo Sofía Díaz, “este Instituto non é máis que un grupo de presión pro-marroquí que fai proselitismo a favor do Rei de Marrocos, que lle concede un premio que é unha agresión para a causa saharauí, así como un insulto para os gobernos de pobos libres”. Doutra banda, “é indignante que esta información se recolla na prensa manipuladora e panfletaria de Marrocos, e que chegue a unha opinión pública que é constantemente vítima da desinformación que se ofrece dende o goberno”.

“De ter que conceder ese Premio Mandela a alguén, sería para o saharauí Sidi Mohamed Daddach, o segundo preso político que máis tempo estivo en prisión en África: 25 anos en cárceres de Marrocos (dende o 1976 ao 2001), case tantos como os 27 anos que estivo Nelson Mandela na cadea. É por iso que, de ter valía ese galardón e non ser máis que un instrumento de lobby marroquí, debería ter ido para o Mandela saharauí, que continúa a súa loita pacífica no Aiún ocupado e que, a día de hoxe, sigue vixiado pola policía marroquí”, conclúe Díaz.

Por último, dende Esquerda Unida, resaltamos a importancia de continuar denunciando a actuación antidemocrática de Marrocos, a súa constante violación de dereitos humanos e o intento de silenciar e invisibilizar a situación de extrema gravidade na que se atopa o Sáhara occidental dende os medios máis afíns.

Relacionados