Suba do transporte metropolitano

Non consta que o Goberno da cidade teña manifestado a súa inquietude alomenos, dada a carestía da vida, cunha suba nun servizo público clave na vida diaria de milleiros de persoas que excede con moito a conxelación de salarios públicos, a gravísima situación do desemprego e a carestía da vida con subas do IPC por riba da mellora dos emolumentos das traballadoras e traballadores.

Nun intre como o actual, marcado a ferro pola situación de excepcionalidade económica e social, co crecemento do paro, a entrada outra vez en recesión, a conxelación de salarios que anuncia o PP; diante deste panorama non semella de recibo o encarecemento do prezo do transporte público nun 8% que nos vén de decidir, sen consultar con ningures; ou si, coa empresa, mais coidamos que o mecanismo dista de ser o axeitado e participativo, asemade de impugnar radicalmente a decisión adoptada, que vai contra os intereses da nosa veciñanza.

Todo o recetario dos gobernos da dereita consiste en subir os impostos indirectos, os que non entenden da renda e propiedades de cada quen. O PP tenta facer na suba do transporte unha noite parda, onde se grave ás persoas de clase traballadora que empregan o transporte público para non lle tocar os suculentos ingresos da clase dominante.

Yolanda Díaz proporá en comisión informativa do Pleno que o Goberno Municipal rectifique  esta suba para que as tarifas resten conxeladas no vindeiro ano en atención á durísima situación social existente e o carácter de servizo público que ten o transporte urbano. A Xunta terá que poñerse firme coas empresas concesionarias que gañan cartos e non trasladarlle obediente á veciñanza as demandas das concesionarias.

O obxectivo de Esquerda Unida é conquerir unha rectificación, que permita manter conxeladas as tarifas neste vindeiro exercicio. Coidamos que esta proposta é coincidente co interese xeral da cidadanía e en particular dos seus sectores máis desfavorecidos como consecuencia dunha crise que non ten visos de solución coa apelación ás políticas neoliberais máis ortodoxas.

Relacionados