Trasvase Meirama-Cecebre

O deputado de Alternativa Galega da Esquerda Antón Sánchez xustificou a presentación desta iniciativa destacando o seu compromiso na defensa do interese xeral da cidadanía mediante o emprego e aproveitamento sustentable dese ben e dereito humano que é a auga, e que non pode restar como elemento que sirva a negocios privados en forma de ‘pelotazos hidráulicos’. O deputado de AGE destacou na súa comparecencia que o deixar facer cómplice das administración públicas gobernadas polo PP compromete ese interese xeral.

Antón Sánchez acusou ao goberno galego e ao director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, de mentir xa que este trasvase non está contemplado en ningún dos plans aprobados e elaborados pola Xunta de Galicia e en vigor a día de hoxe. Así mesmo, destacou os riscos para a saúde que podería supor este trasvase xa que a concentración de Níquel da augas de Meirama duplica os niveis máximos permitidos un dato que parece que ao goberno galego non lle preocupa pese a ser un auga que poría en risco a saúde de toda a cidadanía da Coruña e concellos limítrofes.

Desde AGE defenden que trasvasar auga da balsa de Meirama a Cecebre ten moito de pretexto para xustificar o negocio privado de dúas minicentrais, unha con concesión administrativa caducada e outra aprobada no tempo de desconto da era Fraga para beneficiar a conspicuos persoeiros dos partidos do réxime e do empresariado. Tan é así que non se entende que se fure monte arriba para tender unha condución de auga de case quilometro e medio, xa que chegaría conectar directamente a balsa co río Barcés.

Detrás restan intereses espurios e incumprimento das previsións contidas no plan hidrolóxico sobre os aproveitamentos na bacía Galicia-costa tal e como puxo de manifesto o deputado de AGE que engadiu que as augas que virán de Meirama serán ácidas, preñadas de metais pesados e baixas en osíxeno e que  non se precisan en Cecebre xa que se está atender sen problemas a demanda de auga da Coruña e concellos limítrofes.

Antón Sánchez lamentou que o Partido Popular nesta ocasión opte  por malgastar o diñeiro público nesta onerosa e superflua infraestrutura e desbote avanzar nunha política de consumo de auga baseada no aforro, o consumo responsable e o binomio de tarifas sociais e fiscalidade polo sobreconsumo destes recursos fundamental para a vida e dereito humano para a nosa cidadanía.

Relacionados