alfredo.jpg - 1.15 Kb

Tunisia, Exipto e máis alá

 

Así, neste sentido, o Exipto é un exemplo paradigmático, pois logo das revoltas anticoloniais que culminaron co goberno de Gamel Nasser, sucedéronse durante varias décadas réximes autoritarios ao servizo dos intereses occidentais.

Ora ben, á marxe do discurso en tres actos -espontaneidade das revoltas, derrocamento dun ditador e apoio de Occidente a estas transformacións-, que se está difundir estes días, logo dos acontecementos protagonizados polo pobo tunisiano e exipcio debemos tirar algunhas conclusións provisionais distintas ás que se están a difundir.

Analizando a traxectoria dos movementos populares de Tunisia e Exipto o primeiro que se observa é que nos dous casos son a culminación dun longo proceso de mobilizacións -algunhas de máis de dous anos-, nas que sumaron esforzos de xeito paseniño o movemento obreiro tradicional -organizado polas seccións locais ou federacións máis radicalizadas dos sindicatos oficiais, como a UXTT tunisiana-, e as clases medias educadas e cultas empobrecidas como consecuencia da carestía da vida e dos baixos salarios. Neste proceso, ademais, xogaron un papel fundamental as organizacións sociais e políticas de esquerdas, así como algúns persoeiros de recoñecido prestixio no eido dos dereitos humanos.

Cómpre salientar, así mesmo, que as mobilizacións foron fundamentais para que o pobo tomase conciencia dos seus intereses. Ese proceso de concienciación do pobo exipcio, por tomar un dos dous exemplos, é o que culminou co xurdimento do Movemento 25 de Xaneiro, que alén de expresar a autoorganización das forzas políticas, sociais e sindicais de esquerdas que confluíron ese día na praza Tahrir de Al-Qahira -que se viñan mobilizando dende tempo atrás-, manifesta que o pobo exipcio identificara correctamente as causas do seu malestar ao esixir nos seus manifestos a saída do poder de Mubarak e de todos elementos do seu réxime e os seus aliados, a renuncia de todos aqueles que serviron ao réxime de Mubarak (políticos, sindicalistas…), a nacionalización das empresas do sector público vendidas durante o réxime de Mubarak, a formación de comités de traballadores que supervisen a produción e a distribución de prezos e salarios, a convocatoria dunha Asemblea constituínte.

O modo en que se resolveron os dous procesos revolucionarios, coa constitución de gobernos provisionais que asumiron as esixencias do pobo en rebeldía, abren un longo camiño á esperanza..

 

Relacionados