Un modelo de futuro enerxético

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do deputado Antón Sánchez, esixiu esta mañá a derrogación de todas as normas e leis que fan inviábel o autoconsumo enerxético. Para iso presentou unha proposición non de lei (pnl, no outro documento anexo) no pleno do Parlamento en que degraña unha serie de propostas para facilitar e impulsar o autoconsumo, a pequena produción enerxética e o progresivo incremento das enerxías renovábeis en detrimento das contaminantes. O PP negouse a aceptar as iniciativas de AGE, apoiadas polo PSdeG e polo BNG –cunha emenda.

“Nós defendemos un modelo enerxético en que as renovábeis vaian gañando peso e se democratice a enerxía”, sinalou Sánchez, “porque as hidráulicas e as nucleares están sobrerretribuídas”. Alternativa denunciou que o único e real obstáculo para que as galegas e os galegos conten con fontes enerxéticas máis limpas son os intereses das grandes eléctricas que forman oligopolio. “Esta é a grande estafa da democracia, como as grandes eléctricas amañan os prezos do recibo”, expuxo o deputado de AGE, “porque neste país vas á cadea por roubar para comer pero os delitos millonarios perpetrados no BOE quedan impunes”. A porta xiratoria entre a Administración pública e os conglomerados empresarias da enerxía é transitada por numerosos políticos –Felipe González ou José María Aznar son unicamente os máis célebres-, que antes lexislaran a prol do oligopolio enerxético.

“O modelo de futuro”, insistiu Antón Sánchez, “é o autoconsumo, as enerxías renovábeis e a pequena produción”.

Relacionados